Tomiño continúa coa súa aposta pola inclusión cun novo curso avanzado de lingua de signos española
• A OMIX ofrece unha formación de outubro a xaneiro para seguir ampliando competencias. Aberta xa a inscrición na web municipal
A actividade está dirixida a persoas que xa conten cun nivel previo A1 de competencia en lingua de signos e que desexen seguir progresando
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Falar con xestos é falar con empatía. A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Tomiño organiza un curso de continuación de lingua de signos española, nivel avanzado, unha nova oportunidade para seguir ampliando competencias nesta lingua.
A actividade está dirixida a persoas que xa conten cun nivel previo A1 de competencia en lingua de signos e que desexen seguir progresando. O curso desenvolverase no Espazo Isaura Gómez, os sábados 25 de outubro, 8, 15, 22 e 29 de novembro, 20 e 27 de decembro e 3, 10 e 17 de xaneiro, en horario de 10.00 a 13.00 horas. En total serán 30 horas de formación cun custo de 20 euros por persoa.
Con prazas limitadas, as persoas interesadas en participar poden inscribirse xa na web municipal. O curso permitirá afondar no uso práctico da lingua de signos e mellorar a comunicación con persoas xordas ou con dificultades auditivas, promovendo unha sociedade máis aberta e respectuosa coa diversidade.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “a lingua de signos é moito máis ca unha ferramenta de comunicación; é unha ponte cara á inclusión, o respecto e a igualdade de oportunidades. Desde o Concello seguimos apostando por accións formativas que fomenten unha convivencia baseada na empatía, a accesibilidade e a participación de todas as persoas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario