BALONMÁN FEMININO
O Guardés continúa o seu periplo ligueiro loitando polo segundo posto este sábado en Málaga
• O Mecalia completa a súa semana coa visita de oitava xornada ao Costa del Sol Málaga (sábado 25, 19.00 horas), un partido chave polo segundo posto
• Nerea Gil causa baixa á espera de ser operada. Pola súa banda, María Palomo desprazouse co equipo, pero dubídase se poderá xogar
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés continúa co seu atarefado calendario. As de Ana Seabra completarán unha semana - que comezou con éxito - este sábado, 25 de outubro, ás 19.00 horas na pista do Costa del Sol Málaga, rival directo pola cabeza da clasificación. Un encontro chave no periplo que ten o equipo do Baixo Miño por diante este mes e ao que se dirixe sen Nerea Gil, de baixa á espera de ser operada pola súa rotura de menisco no xeonllo esquerdo, e con dúbidas sobre a participación de María Palomo, afectada por unha inflamación no tendón de Aquiles.
O Mecalia chega ao partido con ganas de seguir medrando, impulsado pola vitoria de carácter que obtivo este mesmo mércores na casa. A Sangriña viviu un partido de grande confianza para as súas, no que dominaron ao Replasa Beti-Onak en practicamente todo momento ata conseguir asegurar un triunfo folgado (29-21), así coma dous puntos fundamentais para apertar a loita polo liderado. O Guardés segue segundo, pero achegándose a un Bera Bera aínda primeiro, grazas á diferenza de goles, e repetir a fazaña na pista do Málaga, terceiro clasificado, sería a xoia ideal para coroar unha semana perfecta.
Con todo e por descontado, non será tarefa sinxela. Ademais das dificultades que se esperan relacionadas coa grande calidade deste vello rival, o equipo do Baixo Miño comeza a verse axexado por unha ameaza difícil de xestionar, e que xa o levou de cabeza o curso pasado: as lesións no seu cadro de persoal. O Guardés viaxou esta madrugada coa intención de contar cunha xornada extra en terras andaluzas para preparar o encontro, pero tamén con ausencias e dúbidas. Nerea Gil será operada o vindeiro mércores da súa rotura de menisco no xeonllo esquerdo e non se estima o seu regreso á actividade ata, cando menos, o novo ano, polo que se converteu na primeira baixa de longa duración para o conxunto esta tempada. Pola súa parte, María Palomo, que no partido ante o Beti-Onak sufriu un forte golpe no tendón calcáneo, si viaxou este xoves, aínda que se tratará de estender o seu repouso na medida do posible, polo que non está clara a súa aparición sobre a pista.
Con este panorama, pero sen perder a confianza e as ganas, o Mecalia visita a un vello rival que parece que este curso tampouco baixou o ritmo. O Costa del Sol Málaga chega ao encontro situado nun terceiro posto expectante, tan só un punto por debaixo das galegas e, igual ca elas, aínda invicto. Dende a última tempada, semella que o club malagueño segue en plena forma malia saídas tan importantes coma as de Gabriela Bitolo e Eli Cesáreo, ou das baixas por maternidade de Isa Medeiros e Silvia Arderius. A incorporación de fichaxes coma Maider Barros, Martina Romero, Bárbara Piñeiro ou Nicxon Atjaba tamén está a servir de impulso.
Non cabe dúbida de que as de Suso Gallardo quererán manter o nivel e dar unha alegría a Carranque cunha escalada ao segundo lugar. Unha alegría que serviría, ademais, a modo de desquite: as andaluzas non lograron superar ao Guardés o curso pasado en ningún dos seus dous encontros, nin como anfitrioas (21-26 na décima xornada) nin na Sangriña, onde ademais cederon o título da liga regular nun partido que foi eléctrico e, aos seus ollos, polémico (23-22 na xornada 23). Este mesmo curso, a tendencia continuou durante a pretempada, cando as de Seabra pasaron na rolda de penaltis á final dun Summer BAG ao que o cadro malagueño acudía como invitado.
En definitiva, será un encontro cargado de significado para ambos clubs, e con moito que demostrar por ambas partes. O segundo dos oito que ocupan o calendario guardés ata o parón de mediados de novembro, e se cabe, o máis importante no ámbito ligueiro de todos eles.
Ana Seabra: “Será un partido con poucos goles e no que destacarán as defensas”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, destaca que o Málaga é “un equipo que tamén encaixou poucos goles en xeral nas últimas seis xornadas”, a terceira mellor defensa da táboa tan só por detrás de La Rioja e do propio Mecalia. Defíneo, unha tempada máis, como “un equipo moi calibrado colectivamente e con moita experiencia”.
A chave do duelo, indica a técnica, será o marcador baixo: “Sabemos que, en realidade, será un partido con poucos goles, e no que destacarán as defensas”. Unha fórmula pola que “teremos que estar moi concentradas, unha vez máis, durante os 60 minutos”. O obxectivo galego será atopar esa brillantez adicional no xogo de ataque que, precisamente, impulsounas cara á vitoria este mércores na casa: as de Seabra terán que “elevar a nosa efectividade ofensiva para manternos a un alto nivel e poder saír de Málaga con dous puntos”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 7
Costa del Sol Málaga – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 25 de outubro | 19.00 horas | Pavillón José Luis Pérez Canca
Retransmisión pola canle de YouTube do Costa del Sol Málaga: https://www.youtube.com/watch?v=YiJJ7nPeSVY

Ningún comentario:
Publicar un comentario