A Comunidade de Montes de A Guarda convoca unha Asemblea Xeral Extraordinaria o 25 de outubro
Noé Ferreira Rodríguez* / A Guarda
A Xunta Veciñal de Montes en Man Común de A Guarda convoca a todas as persoas comuneiras á Asemblea Xeral Extraordinaria, que se celebrará o sábado, 25 de outubro de 2025, no local social situado na Rúa Calvario nº 44, baixo, A Guarda, ás 14:00 horas en primeira convocatoria e ás 16:00 horas en segunda e última convocatoria, cunha hora prevista de remate ás 17:30 h.
Na sesión trataranse cuestións de especial relevancia para o futuro da Comunidade e dos seus montes, entre elas:
● A actualización do censo de comuneiros e comuneiras.
● A autorización á Xunta Reitora para aceptar doazóns de parcelas ou bens inmobles de interese comunal.
● A posición da Comunidade ante a posible disolución do Padroado Municipal do Monte Trega e a posible creación dunha Mancomunidade de entidades titulares como novo modelo de xestión do monte.
● A autorización para a venda sobre plano de dúas prazas de garaxe, co obxectivo de financiar parte das obras de acondicionamento do baixo da Rúa Manuel Lomba.
Os documentos correspondentes estarán dispoñibles en formato dixital a partir do luns, 13 de outubro, e serán remitidos ás persoas comuneiras polas canles habituais de comunicación da Comunidade.
A Xunta Veciñal lembra que, segundo os Estatutos, as persoas comuneiras que non poidan asistir poderán delegar o seu voto noutra persoa comuneira mediante un escrito presentado ao inicio da reunión.
Así mesmo, anímase a toda a veciñanza que cumpra as condicións para ser comuneira e desexe participar activamente na xestión do monte a contactar coa Xunta Veciñal de Montes en Man Común de A Guarda no enderezo electrónico montesdaguarda@gmail.com ou no teléfono 634 121 984.
* Presidente da Xunta Veciñal de Montes en Man Común de A Guarda
Ningún comentario:
Publicar un comentario