7 de set. de 2025

TOMIÑO

Manolo Álvarez será homenaxeado no acto cívico das Festas do Alivio 2025  

 O Concello de Tomiño vai render tributo a este veciño por toda unha vida de compromiso e traballo polo ben común `

 

Manuel Álvarez Álvarez será o homenaxeado no acto cívico das Festas do Alivio 2025 
Foto: Gustavo Rivas


Infogauda / Tomiño

 Hai nomes que non precisan titulares para ser lembrados, persoas que co seu esforzo silencioso deixan unha pegada fonda na vida dun pobo. Este ano, o Concello de Tomiño quere recoñecer unha desas figuras imprescindibles: Manuel Álvarez Álvarez será o homenaxeado no acto cívico das Festas do Alivio 2025 por toda unha vida de compromiso e traballo polo ben común. 

 Nado en San Benito en 1954, Manolo é un exemplo de constancia, humildade e compromiso comunitario. Traballador incansable na construción, a súa vida estivo sempre vencellada ao ben común: da súa longa implicación en comisións de festas ata chegar ás da Virxe do Alivio ao labor fundamental á fronte da traída de augas Tomiño–Forcadela, campos nos que sempre apostou pola modernización para mellorar os servizos e o ofrecido á veciñanza, froito do esforzo compartido e da súa dedicación altruísta. 

 “Homenaxear a Manolo é homenaxear a todas esas persoas que traballan en silencio polo benestar da súa comunidade. A súa vida é un exemplo de xenerosidade, esforzo e compromiso, e representa os valores que queremos poñer en valor nas Festas do Alivio: identidade, convivencia e orgullo compartido”, subliña a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. 

 A rexedora destacou tamén a importancia de recoñecer publicamente o labor veciñal, xa que “persoas como Manolo fan posible que Tomiño sexa o que é hoxe: un concello vivo, unido e solidario. O seu traballo lembra que o común é responsabilidade de todas e todos e que a mellor herdanza que podemos deixar é o exemplo”. 

 O acto cívico do sábado será, pois, unha ocasión para recoñecer en vida a quen deu e segue dando tanto polo seu concello. Porque grazas a persoas como Manolo, a auga segue a manar, as festas seguen a brillar e Tomiño medra co espírito colectivo que nos define. 

 A homenaxe será o momento máis emotivo dunha semana chea de actividades que rematará o sábado 13 de setembro ás 21.00 horas na praza do Seixo co acto cívico e o tradicional concerto da Agrupación Musical de Goián, que porán o broche de ouro a unhas festas vivas e participativas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario