Máis de 7.000 persoas participaron nas visitas guiadas do castro do Monte Santa Trega, nos meses de xullo e agosto
• As visitas guiadas a ese enclave arqueolóxico continuarán nas fins de semana de setembro
Infogauda / A Guarda
Verán de récord das visitas guiadas no castro do Monte Santa Trega. Nos meses de xullo e agosto realizáronse visitas guiadas de martes a domingo en 4 quendas ao día, ás que acudiron máis de 7.000 persoas, case duplicando os datos de anos anteriores.
Ademais, incrementouse notablemente o interese de coñecer o valor arqueolóxico do Monte Santa Trega, pois cada vez hai máis xente que sube ao monte e que aposta por participar nas visitas guiadas.
Mantense o perfil do público habitual que son turistas e visitantes nacionais que pasan as súas vacacións en Galicia. Ademais tamén realizan esta visita veciños da Guarda e da comarca con interese na historia e paisaxe do Monte Santa Trega e que repiten a experiencia, formando parte da visita coa familia e amigos que visitan a nosa vila.
Visitas guiadas gratuítas, nas fins de semana de setembro
Coa chegada de setembro continúan as visitas regulares nas fins de semana ás 12:00h. O punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal e a visita recorre menos de 1 km polas diferentes áreas escavadas durante os últimos cen anos, incluíndo a zona norte coas vivendas reconstruídas e a muralla ata a zona de Mergelina, na ladeira ao río Miño. A duración aproximada da visita é 45 minutos pero sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT).
Ademais durante estes meses de verán, os visitantes puideron ver o traballo artesanal da rehabilitación da cuberta vexetal das dúas vivendas reconstruídas do xacementos castrexo do Trega. Este traballo foi realizado por Juan González Abella, un dos poucos especialistas teitadores e que tamén formou parte das explicacións do guía pola curiosidade dos visitantes ao ver o seu traballo totalmente manual.
Estas visitas guiadas non precisan reserva previa e son gratuítas, ainda que aquelas persoas que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público. Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no teléfono 690 01 70 38 ou enviando un correo electrónico a masat@aguarda.es.
Ningún comentario:
Publicar un comentario