16 de xuño de 2026

A GUARDA

A GUARDA CELEBRARÁ A XXXIV FESTA DA LAGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA CUNHA PROGRAMACIÓN PARA TODOS OS PÚBLICOS   

Do 3 ao 5 de xullo, o porto converterase nun gran espazo gastronómico e cultural con produtos do mar, música e actividades para todas as idades  


Ademais de lagosta, a carpa de degustación ofrecerá diversos produtos do mar, cunha proposta para todos os públicos e todos os padais, dende mariscos de primeira calidade ata pratos tradicionais e receitas populares
Foto: Infogauda

Infogauda/A Guarda

 A Guarda acollerá do 3 ao 5 de xullo de 2026 unha das citas destacadas do calendario festivo: a XXXIV Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, un evento xa consolidado como referente gastronómico e turístico de Galicia.  

 Organizada polo Concello da Guarda, a festa volverá poñer en valor a extraordinaria riqueza mariñeira, cunha proposta culinaria ampla e diversa na que a lagosta é a gran protagonista, pero non a única estrela. A carpa de degustación ofrecerá diversos produtos do mar, cunha proposta para todos os públicos e todos os padais, dende mariscos de primeira calidade ata pratos tradicionais e receitas populares.    

 Entre as propostas gastronómicas destacarán a lagosta enteira, percebe, nécora, camaróns, cigalas, berberechos, navallas ou zamburiñas, ademais de elaboracións como empanadas, polbo á feira, mexillóns en distintas preparacións, paella mariñeira ou receitas máis creativas como as brochetas de lagostino con rape e verduras. Non faltarán tampouco doces típicos como a rosca de xema, filloas recheas ou tortas tradicionais.  


Tonhito de Poi será o pregoeiro da XXXIV Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira

 A programación desta 34ª edición conta cun potente apartado musical e cultural que aposta pola diversidade de estilos e públicos. Haberá pasarrúas, rondalla, grupos tradicionais, propostas contemporáneas e concertos para todos os gustos, dende o blues en galego ata o pop-rock nacional, pasando pola música tradicional galega e actuacións familiares.  




O venres 3 de xullo:  

11:30 horas – Pasarrúas a cargo do grupo tradicional do Club da Terceira Idade. 

12:00 horas – Apertura da carpa. 

20:30 horas – Inauguración oficial da XXXIV Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira no exterior da carpa no porto coa intervención do alcalde da Guarda. De seguido, lectura do pregón a cargo de Tonhito de Poi, cantante e compositor galego, coñecido por ser membro fundador de Heredeiros da Crus e destaca como comunicador polo seu carisma. Ademais, entregarase tamén a Lagosta de Honra 2026. 

23:00 horas – Concerto de Tonhito de Poi e Os Inconmensurables. 

00:30 horas – Peche da carpa.  

O sábado 4 de xullo:  

10:30 horas – Pasarrúas a cargo do Trebón dos Xidos. 

11:00 horas -  Apertura da carpa. 

20:30 horas – Actuación da Rondalla de CRC Torroso (Mos) con máis de 100 integrantes que realizarán o pasacalles polo porto e actuarán diante da carpa. 

23:00 horas – Concerto do Grupo Eh Sabina!, tributo a Joaquín Sabina. 

00:30 horas – Peche da carpa.  

O domingo 5 de xullo:  

10:30 horas – Pasarrúas a cargo do grupo tradicional A Boalleira. 

11:00 horas – Apertura da carpa. 

20:00 horas – Concerto familiar con Uxía Lambona e a banda molona. 

23:00 horas – Peche da carpa.  

 Ademais das actuacións musicais que animarán as tres xornadas, os asistentes poderán participar noutras actividades vinculadas ao mar e á identidade mariñeira da vila, entre elas as saídas a bordo do volanteiro Piueiro, unha oportunidade única para achegarse ao patrimonio marítimo da Guarda.  

 Así mesmo, durante a fin de semana, no paseo marítimo poderáse contemplar a exposición ao aire libre “José Suárez, vida e obra”, considerado un dos referentes da fotografía galega e española do século XX; ou participar nas visitas guiadas ao Castro do Monte Santa Trega.  

 Con esta nova edición, o Concello da Guarda reafirma a Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira como unha celebración aberta, participativa e interxeracional, que combina tradición, innovación culinaria e cultura para ofrecer unha experiencia completa ao visitante e poñer en valor o mellor do litoral galego

Ningún comentario:

Publicar un comentario