13 de ago. de 2025

TOMIÑO

COMUNICADO DO CONCELLO DE TOMIÑO ANTE O NOVO EPISODIO DE PROLIFERACIÓN PUNTUAL E LOZALIZADA DE MOSCAS 


A Policía Local inspeccionou unhas parcelas de cultivo nas que se localizaron depósitos de abono
Fotos: Concello de Tomiño
Imaxe dunha xuntanza da mesa de traballo pola convivencia entre o sector agro e a veciñanza


 Concello de Tomiño  

 O Concello de Tomiño quere informar á veciñanza que, en relación co novo episodio de proliferación puntual e localizada de moscas detectado nos últimos días, especialmente na parroquia de Forcadela, xa se levaron a cabo as actuacións pertinentes no marco das competencias municipais. 

 O pasado 8 de agosto de 2025, tras recibir un aviso a través da aplicación municipal de comunicación de incidencias, a Policía Local inspeccionou unhas parcelas de cultivo nas que se localizaron depósitos de abono. Ese mesmo día, persoal técnico do Departamento de Medio Ambiente visitou a zona e conversou cos veciños e veciñas afectados, quen manifestaron levar toda a semana soportando esta situación e que, malia comunicar os feitos á Xunta de Galicia, foron remitidos ao Concello sen que a administración autonómica adoptase medidas. 

 Cómpre lembrar que o Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, polo que se establecen normas para a nutrición sostible nos solos agrarios, establece obrigas específicas para o uso de materia orgánica no abonado e atribúe de forma expresa a competencia para a inspección e control destas prácticas aos órganos competentes das comunidades autónomas, e non aos concellos. 

 Por este motivo, e tal e como xa se fixo en anteriores ocasións, o Concello de Tomiño remitiu á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a acta de inspección elaborada pola Policía Local, solicitando a adopción inmediata das medidas de inspección e control necesarias para poñer fin a esta situación e evitar a súa repetición no futuro. 

 O goberno municipal reitera o seu compromiso de actuar con rapidez e dilixencia dentro das súas competencias e lembra que a Consellería de Medio Rural é coñecedora deste problema desde hai tempo, a través da mesa de traballo pola convivencia entre o sector agro e a veciñanza. Porén, ínstase unha vez máis á administración autonómica a exercer as súas responsabilidades e actuar con urxencia para protexer a saúde e o benestar da poboación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario