12 de ago. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

A Sangriña vai acoller unha fin de semana especial para o balonmán guardés 

O pavillón recibe este sábado e domingo dúas citas imperdibles da pretempada do Mecalia Atlético Guardés 

Este venres 15 ás 20.30 horas, o Trofeo Festas do Monte reunirá ao equipo miñoto co portugués São Pedro do Sul 

Pola súa parte, o sábado á mesma hora, A Sangriña acollerá un partido homenaxe en memoria de Juan Rodríguez Pérez, membro histórico da directiva do Club, falecido hai xusto un ano. A cita medirá ao Mecalia Atlético Guardés co seu coñecido rival Bera Bera 




Redacción Deportes / A Guarda  

 O Mecalia Atlético Guardés continúa o seu agosto cheo de balonmán cunha fin de semana na que fará de anfitrión por partida dobre. Este venres e sábado 15 e 16 de agosto, o pavillón municipal A Sangriña acollerá dúas citas moi especiais para a afección guardesa: o tradicional Trofeo Festas do Monte Santa Trega e o primeiro partido Memorial Juan Rodríguez Pérez, respectivamente. Ambos serán ás 20.30 horas de cada xornada e con entrada totalmente de balde. 

 En primeiro lugar, este venres 15 de agosto, ás 20.30 horas, o pavillón guardés celebrará o esperado Trofeo Festas do Monte Santa Trega, unha das citas amigables clásicas da pretempada do Mecalia Atlético Guardés. Este ano, apenas unha semana despois dos días grandes das coñecidas festas locais ás que debe o seu nome, o evento reunirá ao Mecalia Atlético Guardés co veciño Académia de Andebol São Pedro do Sul. 




 Pero a data máis especial desta fin de semana, e a que supón a principal novidade da pretempada miñota, é o partido homenaxe Memorial Juan Rodríguez Pérez que terá lugar o sábado 16 tamén ás 20.30 horas, e que neste caso medirá ao Mecalia Atlético Guardés ante o seu coñecido rival Super Amara Bera Bera. Será a ocasión perfecta para gozar do mellor balonmán á vez que se lembra o legado dunha das personalidades máis importantes na historia do Club miñoto e directamente responsable do grande momento que vive agora, xusto un ano despois do seu falecemento. En colaboración co Concello da Guarda, ademais, tamén se colocará unha placa no pavillón en memoria de Juan. 

 A semana pasada, tras caer nos 7 metros do desempate na semifinal ante o Rocasa Gran Canaria e vencer despois con folgura ao ABC Braga, as de Ana Cristina Teixeira Seabra fixéronse co terceiro posto no II Torneo Memorial Julio Gilsanz do Porriño. Os desta fin de semana, pola súa parte, serán os únicos partidos que o Mecalia Atlético Guardés viva en casa durante a súa pretempada. A continuación, restará unicamente o Summer Bag de Villacelama (22 e 23 de agosto) e a final da Supercopa de Galicia (7 de setembro en Vilagarcía de Arousa), encadeando xa o calendario co comezo ligueiro, que o Mecalia Atlético Guardés prevé para o 30 de agosto en Lanzarote.  

Calendario completo:


Ningún comentario:

Publicar un comentario