A Deputación sinala que a meteoroloxía actual e o estado da uva reducen as posibilidades de mildio no que queda da campaña da vendima
• A partir deste momento cómpre vixiar distintos parasitos, entre eles a botrite, malia que na actualidade a súa incidencia é aínda demasiado puntual para xustificar tratamentos
Infogauda / Pontevedra
O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro de investigación propiedade da institución provincial, avanza a improbabilidade de que volva haber danos por mildio no resto da campaña da vendima. Isto é así debido ás temperaturas superiores aos 30 graos, o ambiente solleiro, os ventos moderados, o estado fenolóxico actual da viña (practicamente en todas as viñas a uva está en estado de pintado máis ou menos adiantado) e o feito de que a uva chegou a este momento da campaña nun estado fitosanitario óptimo. Tamén nos predios ou zonas máis tardías, por mor das previsións meteorolóxicas a medio prazo, é improbable que isto ocorra, tamén nos que leven máis tempo sen tratamento xa que a abundante vexetación compensa mesmo posibles perdas de follas, co que os danos quedarían reducidos a cuestións puramente estéticas.
A recomendación xeral é que non é preciso tratar, pero si continuar coas rozas da vexetación adventicia e a retirada dos gromos novos excesivamente longos que poidan dificultar en calquera medida a ventilación da viña. Nas viñas que sufriron certo ataque de mildio, tamén se pode aproveitar para ir eliminando dos acios os grans que estean secos pola enfermidade ou por calquera outra causa. Unicamente podería ser conveniente a realización dun tratamento, se non teñen xa limitada a data pola súa respectiva adega, en viñas pouco vigorosas, novas e/ou máis atrasadas con manchas de aceite aparecendo. Tamén onde os ventos moderados-fortes da semana anterior non permitiran realizar a última intervención prevista.
No caso do oídio, esta semana o persoal de Areeiro volveu atopar síntomas novos nas plantas testemuña, en especial nas follas das plantas más sombreadas e/ou pouco ventiladas. Tamén apareceron, pero de xeito máis puntual polo estado fenolóxico, nalgún acio que xa estaba afectado. Nas plantas tratadas non se observaron síntomas, e non se espera que os haxa xa na maior parte das viñas. Porén, podería aínda haber algún dano nas uvas de variedades sensibles dos predios e zonas onde aínda non estea estendido o pintado, polo que nesas situacións haberá que valorar a conveniencia dun tratamento se non finalizou xa o prazo para poder aplicalo.
A partir deste momento da campaña cómpre vixiar parasitos diferentes aos das anteriores etapas, entre eles a botrite. Na actualidade a súa incidencia é aínda moi puntual e insuficiente para xustificar un tratamento agás en variedades sensibles ou con historial de danos. O resto da información do aviso fitosanitario pode consultarse no sitio web da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario