A praza do Calvario converterase nun escenario de misterio co primeiro xogo de escape musical ao aire libre do Rosal
• Aberta a inscrición para participar nesta actividade de balde, ao abeiro do Rosal Cámara Fest, que se celebrará este sábado 30 de agosto ás 19.00 horas
Infogauda / O Rosal
A praza do Calvario transformarase nun lugar cheo de enigmas, notas musicais e maxia. O vindeiro sábado, 30 de agosto, ás 19.00 horas, o público poderá desfrutar do primeiro xogo de escape musical ao aire libre do Rosal. Unha aventura onde a música será a chave para resolver misterios e descubrir segredos agochados entre as rúas. Non é necesario ter coñecementos musicais previos para desfrutar desta experiencia.
A actividade, organizada pola Agrupación Musical do Rosal dentro do programa O Rosal Cámara Fest en colaboración co Concello, promete converter o corazón da vila nun taboleiro de xogo cheo de sorpresas.
Trátase dunha experiencia gratuíta e aberta, recomendada para adultos e maiores de 12 anos, aínda que tamén poden participar nenos e nenas acompañados dunha persoa adulta. Durante aproximadamente 1 hora, os equipos deberán deixar voar o seu enxeño para superar retos e probas onde a música se mestura co misterio, facendo do xogo unha auténtica viaxe de fantasía. Ademais, haberá un agasallo para os mellores equipos resolvendo o xogo, un incentivo máis para deixarse levar polo misterio e a música.
Para participar é indispensable que as persoas interesadas leven teléfono móbil con batería e conexión a internet. Recoméndase ademais levar calzado e roupa cómoda para desfrutar do xogo de escape.
Aínda que a actividade é de balde, é obrigatoria a inscrición previa a través dun formulario en liña. As prazas son limitadas, polo que se recomenda reservar canto antes para non quedar fóra desta experiencia irrepetible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario