11 de ago. de 2025

NIGRÁN

O persoal do servizo de recollida de lixo de Nigrán leva 5 anos sen cobrar os atrasos 

  Concentráronse esta mañá diante do concello para reclamar a negociación do convenio 


O persoal do servizo de recollida de lixo de Nigrán concentrouse esta mañá diante da casa do concello
Foto: CIG

Infogauda / Nigrán 

 O persoal do servizo de recollida de lixo de Nigrán concentrouse esta mañá diante da casa do concello, para denunciar os reiterados incumprimentos na xestión da concesión do servizo de recollida de lixo, que afectan gravemente aos dereitos laborais das traballadoras e traballadores. Con esta mobilización, acordada en asemblea, reclaman a publicación dun novo prego de condicións que resolva a precariedade laboral e permita negociar un convenio colectivo actualizado. 

 A CIG denuncia que levan “cinco anos sen un novo prego de condicións para a concesión do servizo de lixo, que foi impugnado varias veces por estar mal redactado”. Actualmente, o prego está pendente de resolución no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza tras unha impugnación do Partido Popular. Porén, o concello aseguroulles que o prego seguirá adiante, malia o que denuncian que seguen sen avances concretos. 

Convenio caducado 

 O persoal afirma que a consecuencia disto, levan cinco anos sen cobrar os atrasos salariais e dous anos co convenio caducado. Denuncian ademais que a empresa concesionaria se nega a negociar un novo convenio mentres non se resolva a cuestión dos atrasos e a nova concesión. 

 Isto está provocando que o persoal padeza unha grave situación de precariedade. “Estamos traballando en precario en todos os sentidos: falta persoal, camións e medios materiais”. Esta carencia impide cubrir os servizos adecuadamente, pero “o Concello mira para outro lado e permite que a empresa siga operando nestas condicións”, lamenta a CIG. A falta de recursos tradúcese en sobrecarga de traballo e inseguridade laboral para o persoal. 

 Por iso exixen que saia o prego, que se licite unha nova concesión e que as traballadoras e traballadores poidan negociar un novo convenio. “Queremos que a nova empresa que veña pague os atrasos e se resolva todo o relacionado coa concesión, tanto a nivel de persoal, aumentando o cadro, como de medios. Isto é unha loita política entre o PSOE e o PP e nós non podemos estar no medio e nesta situación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario