11 de ago. de 2025

O ROSAL

O Rosal pecha unha semana de película tras unha exitosa Mostra de Cinema  

 Tras máis de mil inscricións, a semana pasada presentáronse na localidade as curtas finalistas 

 

A cerimonia de clausura tivo lugar o domingo 10, nos xardíns do Concello do Rosal, cun ambiente festivo amenizado pola música en directo de Marina Sorin e Nacho Mastretta
Fotos: Luis Dorado Senra


Infogauda / O Rosal

 O Rosal viviu unha semana inesquecible coa celebración da V Mostra de Cinema, unha cita xa consolidada que volveu converter a comarca no centro da curtametraxe durante cinco intensas xornadas. A programación contou, ademais, con propostas paralelas como concertos e exposicións .  

 Organizada pola asociación Ghorghalado, coa colaboración do Concello do Rosal e o apoio de empresas como Roeirasa ou Viveiros da Barxa, esta quinta edición recibiu máis de 1.100 inscricións procedentes de todo o mundo, das que se seleccionaron 32 curtametraxes finalistas. As obras proxectáronse ao longo de catro noites na praza do Maio, de Tabagón, cunha excelente acollida por parte do público. 

 A Mostra deu comezo o pasado día 6 de agosto, cun concerto inaugural do multi-instrumentista Bieitosolo, que interpretou pezas inspiradas no cinema antes da primeira sesión de proxeccións.  

 As sesións do xoves 7, venres 8 e sábado 9 celebráronse na praza de Maio de Tabagón, onde se proxectaron oito curtas por xornada, ofrecendo un completo percorrido por diferentes xéneros e estilos narrativos. Fiel ao seu espírito acolledor, cada noite ofrecíase chocolate quente de balde, e o sábado pechouse cunha queimada tradicional aberta a todo o público. 


Marina Sorin e Nacho Mastretta
Durante o acto de clausura da Mostra entregáronse os sete galardóns da Mostra. Asemade, cada persoa premiada tamén recibiu o símbolo da Mostra - o labirinto castrexo tallado en pedra -, así como unha dotación económica

 A cerimonia de clausura tivo lugar o domingo 10, nos xardíns do Concello do Rosal, cun ambiente festivo amenizado pola música en directo de Marina Sorin e Nacho Mastretta. Durante o acto entregáronse os sete galardóns da Mostra, cuxas categorías recoñecen diferentes aspectos técnicos e artísticos das curtas participantes. Cada persoa premiada tamén recibiu o símbolo da Mostra, o labirinto castrexo tallado en pedra, así como unha dotación económica. 

 Entre os premiados estiveron Selección Natural como mellor curtametraxe; Nacho Guerreros, recoñecido pola súa interpretación en Piedra, papel, tijera; City of Pigs, galardoada co mellor guión; e Depredador, que acadou o premio á mellor fotografía. Tamén destacaron Angie como mellor curtametraxe social, Cualquier día la envenenas na categoría rural, e Faistino, que foi escollida polo público como mellor curtametraxe.  

 Ademais, o cinema non remata aínda. Ata este sábado, na sala de exposicións do Concello do Rosal, estará aberta unha mostra de balde chamada Orixes do Cinema, que reúne fotografía, cinema e deseño gráfico, e forma parte das actividades paralelas da Mostra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario