13 de ago. de 2025

A CORUÑA

Chega á Coruña o ‘Photocall 3D’, a novidade do Viñetas para saír retratado xunto a Mafalda

Trátase dun servizo gratuíto de fotos en 3D que estará na expo ‘Quino na música’ durante toda esta semana


Manel Cráneo, director do Festival Internacional da Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico, con Inés Rey, alcaldesa de A Coruña 

Foto: Cedida

Infogauda / A Coruña 

 Experiencia cuasi inmersiva. A exposición ‘Quino na música’ acolle un ‘Photocall 3D’ que é a primeira vez que se pode ver nunha grande exposición de cómic en España. As persoas visitantes que se acheguen a esta mostra poderán sacar fotos 3D con Mafalda e Astro Ratón, a personaxe creada polo ilustrador Fermín Solís, grazas ao escáner de última xeración ScanMeNow.

 Este aparello conta con 120 cámaras e reproduce fotos tridimensionais que os asistentes poden descargar a través dun código QR. É un aporte de Turismo da Coruña ao festival Viñetas desde o Atlántico dentro da súa estratexia de sostebinilidade. “É a primeira vez que esta tecnoloxía se utiliza nunha gran exposición do cómic en España”, destacou Manel Cráneo.

 ScanMeNow é un sistema de fotografía inmersivo composto por máis dun cento de cámaras que se conectan aos correspondentes microprocesadores para sacar unha foto en 360º dunha persoa que se introduce dentro do módulo do trebello 3D. Esta imaxe logo se procesa a través de intelixencia artificial para dar lugar a unha fotografía en 3D. “A idea é poder levar unha lembranza virtual dun mesmo”, apunta Manuel Meijide, o responsable de ScanMeNow.

 Para iso, as persoas que decidan facerse a foto recibirán un código QR a través do que terán que meter os seus datos –nome e corres electrónicos-- e, unhas horas despois, recibirán por e-mail a súa imaxe en 3D. Este innovador sistema de realidade aumentada estará durante toda esta semana no Palexco, á entrada da exposición ‘Quino na música’.

QUINO E MAFALDA

 O ScanMeNow atópasa á entrada da exposición ‘Quino na música’, unha homenaxe sen precedentes á obra do debuxante arxentino Joaquín Salvador Lavado Tejón, Quino (1932–2020), centrada na súa relación fonda e constante coa música. A mostra, aberta ao público dende xuño na sala de exposicións do Palexco, poderá visitarse ata o 21 de setembro.

 Con máis dun cento de debuxos orixinais, entre eles tiras publicadas dende os anos cincuenta ata finais dos noventa, ‘Quino na música’ amosa como a música —do tango ao rock, da música clásica ao pop— está presente en toda a traxectoria do autor. Dende o amor de Mafalda polos Beatles ata a crítica á censura ou aos poderes establecidos a través da música, a exposición permite redescubrir a riqueza expresiva, estética e ideolóxica dunha das voces máis singulares do humor gráfico contemporáneo.

PROGRAMACIÓN DE MAÑÁ, XOVES

 O Festival Internacional da Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico afronta este xoves 14 de agosto unha nova xornada cargada de actividades para todos os públicos. Pola mañá, a Rúa da Banda Deseñada acollerá ás 11:00 horas a charla Pedro Pico & Pico Vena. Historias del punk, con Carlos Azagra e Encarna Revuelta. Ás 12:00 horas, o mesmo espazo será escenario da charla Ética, respecto e compromiso na edición de cómics, a cargo de Emilio e Iris Bernárdez; á mesma hora, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais, Adrián Prado impartirá un obradoiro de deseño e debuxo de personaxes con análise de portafolios profesionais (inscrición previa). Tamén ás 12:00 e ás 13:00 horas, a Sala Palexco acollerá dous obradoiros infantís Con permiso de Quino. Aprende a debuxar a Mafalda, dirixidos a nenos e nenas de 7 a 9 e de 10 a 11 anos, respectivamente, con Alberto Díaz. A mañá completarase ás 13:00 horas na Rúa da Banda Deseñada coa charla Cómic & Rock en Malasaña, con Clara e Olivia Cábez e Miguel B. Núñez.

 Xa pola tarde, ás 17:00 horas, haberá un novo obradoiro Con permiso de Quino para público a partir de 12 anos na Sala Palexco, mentres que na Rúa da Banda Deseñada terá lugar unha sesión de sinaturas con Dave Cooper, Magius, Clara e Olivia Cábez, Miguel B. Núñez, Víctor Coyote, Carlos Azagra e Encarna Revuelta. Ás 18:30 horas presentarase A mansión misteriosa, de Marcos B., e ás 19:30 horas, Muérdete la lengua, por Dave Cooper (en inglés e sen intérprete). O Teatro Colón acollerá ás 21:00 horas o concerto ilustrado coa banda Hombre Tigre e as autoras Anabel Colazo e Raquel Montero. A xornada rematará ás 23:30 horas na Sala Mardi Gras co Cols DJ Set, a cargo de Clara e Olivia Cábez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario