FEMUPO acompaña xa a máis de 40 mulleres en situación de vulnerabilidade
• A través do programa FEMUPOContigo
Infogauda / Pontevedra
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) continúa desenvolvendo con éxito o programa FEMUPOContigo, unha iniciativa pioneira de atención integral dirixida a mulleres desempregadas e/ou en situación de especial vulnerabilidade, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade, reforzar o seu benestar psicosocial e favorecer a súa integración social plena.
Dende o seu inicio, o programa ten atendido a máis de 40 mulleres de diferentes concellos da provincia de Pontevedra. Mulleres que, pola súa idade (menores de 30 ou maiores de 45 anos), situación persoal ou familiar, nivel formativo, procedencia ou outras circunstancias, atopan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral e aos recursos públicos.
FEMUPOContigo estrutúrase arredor dun conxunto de servizos deseñados para ofrecer unha intervención individualizada e adaptada a cada realidade. Entre as principais actuacións desenvolvidas destacan:
• Sesións de orientación individualizada, nas que se elaboran itinerarios personalizados de inserción, se identifican recursos e se presta apoio na toma de decisións persoais e laborais.
• Asesoramento psicolóxico profesional, prestado de forma gratuíta, para reforzar a autoestima, xestionar o malestar emocional e facilitar procesos de cambio persoal.
• Formación en habilidades persoais e sociais, a través de obradoiros prácticos sobre comunicación, traballo en equipo, xestión do tempo, competencias dixitais, igualdade e prevención da violencia de xénero, entre outros.
• Orientación laboral activa, con acompañamento na elaboración do currículo, preparación para entrevistas, procura de emprego, e tamén apoio ao autoemprego e ao emprendemento.
• Servizo de mediación intercultural e/ou familiar, centrado na prevención e xestión de conflitos no ámbito familiar ou en contextos de diversidade cultural, favorecendo a convivencia e a participación comunitaria.
• Atención xurídica individualizada, que ofrece asesoramento especializado en áreas como estranxeiría, dereitos laborais, violencia de xénero ou vivenda.
Todo o proceso desenvólvese cun enfoque integral, próximo e respectuoso, adaptado ás necesidades de cada participante e en coordinación con outros recursos do territorio. O equipo técnico do programa traballa desde a proximidade, facilitando o acceso das mulleres aos recursos formativos, sociais e administrativos necesarios para avanzar na súa autonomía e inserción.
Con esta iniciativa, FEMUPO reafirma o seu compromiso coa igualdade real de oportunidades, especialmente nos contornos rurais ou periféricos onde aínda persisten importantes fendas de xénero. “Cada muller acompañada neste programa é unha historia de superación, dignidade e futuro. A nosa responsabilidade é garantir que ningunha quede atrás”, sinalan desde a entidade.
Estas accións son posibles grazas á subvención da Xunta de Galicia a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e están cofinanciadas por la Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade – Dirección xeral de Promoción da Igualdade) e pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
As persoas interesadas poden solicitar máis información a través dos canais habituais de contacto de FEMUPO ou inscribirse en https://forms.gle/nqoYzKGnfAQEwPmHA
Ningún comentario:
Publicar un comentario