A Deputación leva ata o Palacete das Mendoza a exposición “Contrastes” da Asociación Artística e Cultural de Pontevedra
• A mostra, que inclúe traballos de máis dunha vintena de usuarios do colectivo, poderase visitar entre o próximo venres, 18 de xullo, e o 3 de agosto na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vai inaugurar este venres, 18 de xullo, ás 18:30 horas, no Palacete das Mendoza a exposición “Contrastes”, que recolle obras fotográficas e pictóricas elaboradas por un total de 22 persoas usuarias da Asociación Artística e Cultural de Pontevedra. A mostra estará dispoñible ata o 3 de agosto na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.
O nome da exposición, “Contrastes”, fai alusión á revista que a asociación leva publicando desde o ano 1998 e que na actualidade recibe o nome de “Los Contrastes del Arte”, e rende tributo ao labor que fai o colectivo desde a súa fundación en 1996. Na actualidade está formado por arredor de 55 socios, na súa gran maioría pintores, pero tamén poetas, fotógrafos, escritores e amantes da cultura en xeral.
A exposición inclúe obras de Zsuzsi Kanyo, Violeta Arisha Tasende, Santiago Sancho, Remedios Priegue, Pili Soliño, Mauricio Rodríguez, Mª Jesús G. Burgueño, Mª Teresa Calvo, Mª José Pérez, Lola Couto, Lino Souto, Kuqui Pazos, Isabel Leyes, Eulogio Tordesillas, Elena Fdez. de Dios, Dalia Ponte, Carmen Payo, Carmen Martín, Carmen Gago, Carmen Álvaro, Cajete e Ángeles Fondevila.
Os horarios de visita da mostra “Contrastes” no Palacete das Mendoza serán os de apertura da sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres ininterrompidamente de 9:00 a 21:00 horas, e os sábados, domingos e festivos de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario