29 de xul. de 2025

O PORRIÑO

A CIG exixe protocolos contra o acoso no SAF que eviten feminicidios como o acontecido no Porriño 

 A central sindical convoca unha concentración para mañá, mércores 30, ás 12 horas na Praza do Concello 


A CIG leva anos denunciando a situación de total falla de medidas de prevención de riscos laborais e de prevención fronte ao acoso sexual, o acoso laboral e outro tipo de agresións que sofren as traballadoras da atención no domicilio

Foto: CIG


Infogauda / O Porriño

 A CIG convoca  para mañá, mércores 30 de xullo, ás 12 horas, unha concentración na Praza do Concello do Porriño en resposta ao asasinato dunha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar por parte dun familiar dunha usuaria, no transcurso da súa xornada laboral. 

 A CIG tamén quere amosar a total solidariedade coas compañeiras e a familia da auxiliar e ponse á súa absoluta disposición, exixindo responsabilidades á empresa adxudicataria do servizo e ás administracións implicadas por non ter actuado previamente para evitar unha situación de acoso que rematou en asasinato.  

 A CIG leva anos denunciando a situación de total falla de medidas de prevención de riscos laborais e de prevención fronte ao acoso sexual, o acoso laboral e outro tipo de agresións que sofren as traballadoras da atención no domicilio. Un traballo precarizado e que non está valorado nin polas empresas, nin polo entorno das persoas usuarias, nin tampouco pola Xunta de Galiza e os concellos, que a miúdo minimizan a gravidade das situacións que viven estas traballadoras día tras día. 

 Hai que salientar que ante as denuncias das traballadoras informando das situacións de risco de agresión nos fogares sempre se prioriza a atención á persoa usuaria antes que garantir a integridade das traballadoras. 

 Nos servizos de axuda no fogar, como é común nun estado patriarcal, a palabra das mulleres e a violencia contra elas está normalizada, e o testemuño das auxiliares que piden un cambio de domicilio é sempre cuestionado. A única medida que se adopta é substituír a traballadora acosada ou agredida por outra compañeira sen sequera informala do risco que vai afrontar. 

 Nas poucas ocasións que a representación sindical consegue negociar coa empresa a activación de medidas cautelares, como a suspensión do servizo ou que vaian dúas traballadoras ao domicilio, o habitual é que os servizos sociais dos concellos ou a propia Xunta de Galiza reactiven a atención, ficando sen resolver as agresións. Este terríbel suceso evidencia da maneira máis dramática posíbel que o SAF precisa dun cambio profundo, dunha xestión pública que garanta a calidade na atención, unhas condicións laborais decentes, que protexa a saúde e a integridade das traballadora e que dignifique o sistema de coidados.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario