Avelaíña viaxa ás Illas Cíes
• Grazas ao programa +Convivencia 2025 da Deputación de Pontevedra
Infogauda / A Guarda
A Asociación Avelaíña organizou onte martes, 8 de xullo, unha excursión ás Illas Cíes, unha actividade que foi posible grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra a través do seu programa +Convivencia 2025, destinado a fomentar a inclusión social e o benestar das persoas.
Grazas a este programa, 56 persoas puideron desfrutar dun día de lecer e convivencia nun dos espazos naturais máis emblemáticos de Galicia. Nesta excursión participaron usuarios e usuarias dos tres centros de rehabilitación psicosocial que Avelaíña Saúde Mental ten na provincia de Pontevedra, acompañados por profesionais da entidade, garantindo así unha experiencia segura, enriquecedora e adaptada ás necesidades de cada persoa.
A Deputación de Pontevedra concedeu á asociación unha achega de 1.194 euros, destinada a cubrir os gastos dos billetes da navieira e o picnic das persoas participantes, facendo posible unha actividade accesible e inclusiva.
O obxectivo principal desta iniciativa é crear espazos de convivencia, impulsando o intercambio de experiencias e fortalecendo os vínculos sociais entre as persoas participantes. Actividades como esta contribúen a mellorar o benestar emocional, a autoestima e a participación activa na comunidade.
O xerente, Rafael Álvarez destacou que “esta actividade supón unha oportunidade única para fortalecer vínculos, mellorar o benestar emocional e promover a participación activa das persoas usuarias. Agradecemos á Deputación de Pontevedra o seu compromiso coas entidades sociais e co dereito ao lecer de todas as persoas”.
Con iniciativas como esta, Avelaíña continúa a súa misión de promover a saúde mental e a inclusión a través de experiencias enriquecedoras e accesibles para todas as persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario