30 de xul. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Estela Carrera estará de baixa por maternidade esta tempada 

A porteira do Mecalia Atlético Guardés anunciou este martes nas súas redes sociais o seu embarazo 

Como consecuencia, ausentarase das pistas durante cando menos toda a tempada 2025/2026. A recentemente fichada Amandine Balzinc ocupará o seu lugar baixo paus 


Estela Carrera
Foto: Cedida

Redacción Deportes / A Guarda

 O cadro de persoal do Mecalia Atlético Guardés 2025/2026 vivirá unha importante ausencia, aínda que polo mellor dos motivos. A gardameta Estela Carrera anunciou este martes nas súas redes sociais persoais que será nai nos próximos meses, motivo que a apartará do 40x20 ata, cando menos, a seguinte tempada. A encargada de ocupar o seu lugar baixo paus será precisamente a última adquisición do equipo miñoto, a francesa Amandine Balzinc.  

 Este martes 29 de xullo, a eldense Estela Carrera anunciaba a través dunha fotografía nas súas redes sociais persoais que se enfrontará ao “reto máis grande e bonito” da súa vida: a maternidade. A gardameta do Mecalia Atlético Guardés, que recentemente renovara o seu acordo co Club para seguir vestindo a súa camiseta esta tempada 2025/2026, finalmente seguirá formando parte do equipo durante este curso, pero dun xeito diferente. A porteira xa iniciou a súa baixa e, aínda que estivo presente no primeiro adestramento desta semana para recibir ás súas novas compañeiras e apoiar ás xa coñecidas, non compartiu xa a pista con elas. 

 Así, Estela manterase afastada do xogo por este motivo ata, cando menos, o próximo curso 2026/2027. Namentres, o seu lugar baixo paus estará cuberto a mans da francesa Amandine Balzinc, a derradeira fichaxe anunciada polo equipo miñoto, que non será finalmente a terceira gardameta do cadro de persoal como puido especularse nos últimos días. 

 O Mecalia Atlético Guardés expresa os seus infinitos parabéns a Estela Carrera e a súa familia e deséxalle o mellor neste emocionante camiño. Estaremos esperándote á túa volta!

Ningún comentario:

Publicar un comentario