A Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira vai deica un modelo máis sostible da man do Programa Festa Sostible de Galicia Suroeste
• É a sétima Festa Sostible certificada das catorce que certificará Galicia Suroeste neste 2025
Infogauda / A Guarda
A XXXIII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, celebrada a pasada fin de semana no porto de A Guarda, deu este ano os seus primeiros pasos cara á sostibilidade grazas á colaboración co programa programa Festa Sostible, financiado co Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, “PSTD A DESPENSA DE GALICIA”, impulsado por Galicia Suroeste.
Durante o desenvolvemento da festa realizouse un acompañamento técnico que incluíu a formación ao equipo de limpeza, a revisión das infraestruturas, a análise da contedorización dispoñible e visitas técnicas aos postos de restauración participantes. O obxectivo foi identificar boas prácticas e detectar aspectos mellorables que sirvan para avanzar nas vindeiras edicións.
Entre os aspectos positivos observados destaca o uso maioritario de materiais compostables ou reciclables (papel, madeira) nos postos de comida, a presenza de produto local e de tempada como o polbo, os viños ou a lagosta, e tamén a decoración reutilizada nalgúns postos, como o de O Roxo, que emprega redes e elementos mariñeiros doutras edicións. Tamén foi salientable a xestión autónoma dos residuos por parte de algúns postos, como no caso exemplar da Adega Gran Novás coas botellas de vidro.
Galicia Suroeste quere agradecer ao Concello de A Guarda a súa boa disposición e vontade de mellora, así como o esforzo de todos os postos, traballadoras e traballadores implicados na festa. A colaboración entre toda as partes permite avanzar paso a paso cara a unha festa máis respectuosa co medio e co territorio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario