11 de xuño de 2025

VIGO

A CIG de Vigo renovará a súa executiva e elixirá secretario/a comarcal 

 Este sábado, 14 de xuño, celebrará a IX Asemblea Comarcal co lema ‘Sen loita non hai conquistas’ 


Alberto Gonçalves - á esq.-, secretario comarcal da CIG-Vigo,  na rolda de prensa de hoxe
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG de Vigo vai celebrar este sábado 14 de xuño a súa IX Asemblea Comarcal, o máximo organismo de decisión do sindicato a nivel comarcal, no que se renovará a Executiva, se elixirá secretario/a comarcal e se designarán os membros do Consello Confederal en representación da bisbarra. O encontro, no que participarán máis de 260 asembleístas, terá lugar no Hotel Coia a partir das 9:30 horas baixo o lema ‘Sen loita non hai conquistas’.  

 Tal e como explicou hoxe o secretario comarcal da CIG-Vigo en rolda de prensa, o lema escollido para o IX Asemblea sintetiza o compromiso por continuar a fortalecer un proxecto sindical asembleario, de contrapoder, de mobilización e conflito, nacionalista e de clase. “No encontro trazaremos, a través do debate democrático, a folla de ruta dos vindeiros catro anos, que ten como principal obxectivo consolidar e facer aínda máis forte a CIG, como mellor ferramenta para defender os dereitos e os intereses da clase traballadora”.  

 Alberto Gonçalves salientou o feito de que a central sindical sexa na actualidade e de xeito “indiscutíbel” a primeira forza na comarca de Vigo, como tamén no conxunto da Galiza. Primeira forza en representación, en todos os sectores de actividade, con máis de 1.400 delegadas e delegados; primeira forza en afiliación, con máis de 21.400 afiliadas e afiliados. “E, con certeza, primeira forza en capacidade de mobilización e de loita, como demostramos nos últimos anos, liderando con coherencia os principais conflitos sindicais, plantando cara de maneira firme aos recortes de dereitos e combatendo a precariedade e a explotación laboral. E tamén demandando solucións diante do devalar produtivo que produce que hoxe, só na cidade de Vigo, haxa 5.600 empregos industriais menos ca en 2009”. 

 Por iso incidiu en que nun contexto marcado polo aumento da pobreza e do empobrecemento, no que se manteñen niveis de desemprego e de precariedade “absolutamente inaceptábeis”, e “diante da ofensiva reaccionaria da dereita ultraespañolista en favor dos intereses do grande capital, é máis necesario do que nunca un sindicato cos pés en Galiza e coa clase traballadora na cabeza e no corazón”.  

 E quixo deixar claro que fronte á “derrota negociada” que representan outros modelos sindicais dirixidos desde Madrid, “que insisten na trampa e na trituradora de dereitos do diálogo social”, as traballadoras e os traballadores da comarca de Vigo e do conxunto da nosa nación “saben que teñen na CIG un verdadeiro baluarte na súa defensa”.  De xeito que insistiu en que a central sindical non participa de “pasteleos de salón por arriba”, senón que “empuxa” a conquista de dereitos e a mellora das condicións de vida e de traballo “desde abaixo”, desde as empresas e os centros de traballo, e tamén nas rúas.  

 “Sabendo que á clase traballadora nunca nos foi regalado nada pero, sobre todo, que temos todo aínda por gañar”. Así, amosou o seu convencemento de que a IX Asemblea Comarcal vai ter como resultado unha CIG máis forte, con maior capacidade de acción, unida e cohesionada desde a pluralidade.  

 “Un sindicato con norte claro e que non perde o compás das súas coordenadas ideolóxicas: na esquerda e no nacionalismo, comprometidas e comprometidos con facer realidade unha Galiza ceibe e sen explotación”, rematou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario