CONCENTRACIÓN CONTRA OS FEMINICIDIOS
• Este xoves, día 12 de xuño de 2025 ás 19:00, diante do museo Marco, na cidade de Vigo
Resposta Feminista / Vigo
A plataforma RESPOSTA FEMINISTA, as que miran lilá, convoca a toda a cidadanía a asistir a CONCENTRACIÓN convocada para o día 12 de xuño de 2025 ás 19:00 diante do museo Marco, na cidade de Vigo, para dar unha resposta contra o Feminicio na Galiza, esta vez, pola veciña de Moaña asasinada e atopada calcinada en Campo Lameiro xunto có seu agresor.
Activamos, unha vez máis o protocolo galego de resposta ante os feminicidios convocando en Vigo e sumándonos a unha voz colectiva que convocará a milleiros de persoas en diferentes lugares da Galiza contra esta lacra.
Estamos fartas. Cada feminicidio é unha ferida aberta que demostra que as políticas actuais non chegan, que a igualdade non é unha prioridade real para quen ten o poder de cambiar as cousas.
Berraremos ben alto esixindo responsabilidades:
- A quen recorta en prevención e en recursos contra a violencia machista.
- A quen non inviste na investigación da violencia machista para así mellorar os protocolos de actuación e prácticas de detección e prevención.
- A quen desmantela servizos públicos que salvan vidas.
- A quen desde o poder nega ou minimiza a violencia de xénero.
- A quen cala ante as violencias cotiás que sufrimos, especialmente no rural, onde o illamento, o silencio e a falta de recursos fan aínda máis difícil pedir axuda.
Querémonos libres. Querémonos vivas. Nin unha menos.
Contra a violencia machista, RESPOSTA FEMINISTA!!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario