2 de xul. de 2025

A GUARDA

HOXE CELEBROUSE A XUNTA SEGURIDADE DO CONCELLO DE A GUARDA

  Presidida polo alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, e o subdelegado do Goberno, Abel Losada Álvarez, con asistencia de mandos da Garda Civil, da Policía Local, GES, personal municipal e da Subdelegación


O alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, e o subdelegado do Goberno, Abel Losada Álvarez, con mandos da Garda Civil, da Policía Local, GES, personal municipal e da Subdelegación
Foto: S. do G.

Infogauda / A Guarda

 Na mañá deste mércores, día 2 de xullo, na Casa do Concello, celebrouse a Xunta Local de Seguridade do Concello de A Guarda, presidida polo alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, e o subdelegado do Goberno, Abel Losada Álvarez, con asistencia de mandos da Garda Civil, da Policía Local, GES, personal municipal e da Subdelegación, cos seguintes acordos:    

 1.- Valorar a boa evolución das estatísticas de criminalidade na Guarda, que reflicten un 19% de baixada no que vai de ano (entre xaneiro e maio) con respecto ao mesmo período do ano anterior. Rexistráronse neste ano 73 infraccións penais fronte ás 90 dos primeiros cinco meses de 2024. Os delictos contra o Patrimonio son os máis frecuentes, pero tamén se deu a voz de alerta polo impacto crecente da cibercriminalidade, seguindo unha tendencia mundial. Comentouse que ás persoas maiores son especialmente vulnerables para este tipo de delincuentes e exemplificouse co caso dun home de idade avanzada ao que estafaron vendéndolles productos innecesarios por un valor de 30.000 euros. 

 2.- Valorar tamén a seguridade viaria na Guarda. Neste ano 2025 e ata o día de hoxe tan só se produciu un ferido leve nas estradas interurbanas do municipio. O Subsector de Tráfico da Garda Civil anunciou que de cara ao verán vai intensificar os controis de drogas e alcohol. 

 3.- Repasáronse as cifras do Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos, que durante o ano pasado celebrou 10 sesións formativas nas que participaron 319 alumnos e alumnas e 19 profesores. Dende a Subdelegación recomendouse ao Concello intensificar os esforzos para chegar tamén ao colectivo de nais e pais, dado que as sesións que imparte o equipo da Garda Civil son de especial interese para a protección dos fillos e fillas. 

 4.- Anunciouse que o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para protección das vítimas de violencia de xénero (A Guarda está incorporada ao sistema VioGén dende xuño de 2022) vai ser renovado nos próximos días para adaptalo á última Instrucción do Ministerio de Interior que, entre outras cousas, fai desaparecer a avaliación en risco “non apreciado”. A día de hoxe, A Guarda ten 12 casos activos, dos que 10 afectan a mulleres que contan con orde xudicial de protección. Un total de 4 casos son de risco medio e 8 de risco baixo. Hai, ademais, 3 autores que teñen máis dunha vítima. O Concello xestiona 3 teléfonos Atempro (dispositivo que financia o Ministerio de Igualdade, pero que entregan os Servizos Sociais municipais a aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero ou sexual que consideren oportuno). Tamén hai unha muller con dispositivo telemático Cometa, que garante o cumprimento da orde de afastamento. 

 5.- Repasouse o Plan de Seguridade para as Festas do Monte Santa Trega, que contarán cun despregamento especial da Garda Civil, incluíndo a presencia moi probable do escuadrón de cabalería e dun dron de vixiancia. A Policía Local anunciou tamén que continuará co dispositivo mellorado posto en marcha o ano anterior, cun Posto de Mando Avanzado e quendas de servizo nocturnas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario