Este verán, Tomiño e Goián doan sangue antes de viaxar
• A unidade móbil de doazón da Axencia Galega de Doazón estará o xoves 3 de xullo na parada de bus da Carballeira, en Goián; e o martes 8 na rúa Daniel Calzado Poceiro, en Tomiño
Infogauda / Tomiño
Cita dobre coa solidariedade antes de viaxar este verán. O vindeiro xoves 3 de xullo, unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue achegarase á parada de autobús na Carballeira, de Goián, en horario de 16.00 a 21.00 horas.
Xa á semana seguinte, o martes 8, a unidade móbil estará na rúa Daniel Calzado Poceiro, en Tomiño, coas portas abertas para todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade. Será en quenda de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades. Dende a Axencia lembran que nestes intres están en nivel de alerta ante a falta de doazóns do grupo A+ e que están baixas as reservas dos grupos A-, 0+ e B+, polo que convida a toda a veciñanza a doar, xa que Galicia precisa 27.000 doazóns de sangue nos meses de verán.
Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. Dende a Axencia lembran que as mulleres poden doar 3 veces ao ano e os homes catro e que cada doante que achega a súa pinga solidaria desde os 18 aos 65 anos podería salvar a máis de 500 persoas.
As persoas interesadas en doar deben lembrar que só poden doar os maiores de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario