Alumnado de Ames mergúllase no corazón da Eurocidade Cerveira-Tomiño
• A rapazada do CEIP de Barouta realizou unha viaxe de estudo para coñecer de primeira man o funcionamento das institucións locais e gozar do patrimonio natural e cultural transfronteirizo
Infogauda / Tomiño
Cruzar fronteiras para aprender, descubrir e convivir. Así o fixo o alumnado de terceiro ciclo do CEIP de Barouta, un centro educativo de Ames que estivo de visita na Eurocidade Cerveira-Tomiño, unha experiencias inmersiva para achegarse de primeira man ás institucións locais, gozar da natureza e patrimonio e mergullarse na vida transfronteiriza de dous municipios unidos polo río.
Fotos: C.T.
A visita, financiada polo programa Erasmus+ Jean Monnet, permitiu aos nenos e nenas achegarse ao día a día das institucións locais coa visita ás casas consistoriais de Tomiño e de Cerveira, coñecer ao forte sector viveirista da contorna cunha visita a Casaita e descubrir espazos emblemáticos como a fortaleza de Goián, o miradoiro do Cervo e o castelo de Vila Nova de Cerveira. Ademais, o alumnado participou en actividades ao aire libre como kayak, bicicleta e minigolf, que converteron esta experiencia nunha aventura educativa e divertida.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, destacaron que “este tipo de actividades representan unha oportunidade única para que a mocidade descubra, viva e sinta o que significa compartir un territorio común. Son experiencias que constrúen vínculos desde idades temperás, fortalecendo a nosa identidade e proxectando un futuro baseado no respecto e a colaboración transfronteiriza”.
O CEIP de Barouta quixo agradecer expresamente aos concellos de Tomiño e Cerveira a grande acollida e a estreita colaboración para facer posible esta viaxe, destacando o valor de iniciativas que fortalecen o coñecemento e a amizade entre comunidades veciñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario