18 de xuño de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra iniciará da man do artista Patrick Warrener a 32ª Bienal de Arte de Pontevedra, cunha intervención de luz e son que iluminará a fachada da igrexa da Peregrina 

  Durante as noites do venres 20, sábado 21 e domingo 22 de xuño, entre as 23:30 e as 00:00 horas, a fachada do emblemático templo acollerá unha proxección lumínica que dialogará coa súa arquitectura e realzará os seus volumes e simboloxía


Patrick Warrener
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A fachada da igrexa da Virxe Peregrina converterase nun lenzo efémero de luz e son da man do artista francés Patrick Warrener, referente internacional na arte da iluminación arquitectónica e creador dunha linguaxe propia que mestura tecnoloxía, cor e patrimonio, co que a Deputación inaugurará a 32ª Bienal de Arte de Pontevedra. 

 A intervención artística, creada especificamente para a fachada barroca-neoclásica da Peregrina, terá lugar nas noites do venres 20, sábado 21 e domingo 22 de xuño, entre as 23:30 e as 24:00 horas, con xogos de luz policromática que realzarán os volumes, elementos e esculturas da igrexa creando unha experiencia visual de grande forza expresiva.  

 A cita do venres 20 contará ademais coa música en directo da DJ galega Akazie, que engadirá unha capa sonora contemporánea á intervención lumínica, xerando unha acción multisensorial que conectará co público de todas as idades. Esta fusión entre luz, son e patrimonio, que aspira a converter o espazo urbano nun lugar compartido para a reflexión artística, marca o inicio da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra, que posicionará a cidade nos vindeiros meses nun espazo de referencia para a arte contemporánea, con propostas que abarcan exposicións en museos e espazos culturais, intervencións no espazo público, encontros con artistas, accións educativas e participación cidadá.  

 A intervención na fachada da Peregrina utiliza a técnica Cromolite, desenvolvida polo propio Warrener, unha combinación de proxección lumínica de alta precisión con composicións cromáticas dinámicas que “permite que os edificios falen doutro xeito, que conten historias novas sen renunciar á súa memoria”, explica o artista. A súa proposta para Pontevedra parte dun estudo da igrexa como símbolo identitario da cidade e explora novas formas de poñer en valor o patrimonio arquitectónico a través da creación contemporánea. De feito, a escolla da igrexa da Peregrina, símbolo espiritual, cultural e turístico da cidade, como escenario desta intervención inaugural supón un acto de recoñecemento e celebración da identidade pontevedresa, e converte a apertura da Bienal nun acontecemento aberto á cidadanía, accesible, visualmente poderoso e cargado de significado.  

 Patrick Warrener leva máis de dúas décadas iluminando edificios e espazos emblemáticos de todo o mundo. Ten realizado máis de 60 intervencións en cidades como París, Québec, Bogotá, Kyoto ou Praga, moitas delas en contextos declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A súa obra foi clave no nacemento e expansión dos festivais internacionais de luz, un fenómeno artístico e cultural que nas últimas décadas conquistou as principais capitais do mundo e que agora chega a Pontevedra da súa man. Deste xeito, con esta primeira intervención, Pontevedra entra no circuíto internacional dos festivais de arte lumínica, situándose á vangarda das propostas que combinan arte, tecnoloxía e cidade, e reivindicando o seu papel como referente cultural no noroeste peninsular.  

 A programación completa da Bienal, así como o ciclo de cinema paralelo e outras actividades, pode consultarse en: https://bienal.depo.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario