ABANCA e Afundación entregan ao CEIP Serra-Vincios, de Gondomar un dos tres premios nacionais do programa educativo Segura-Mente
• O equipo gañador foi a aula de 5º A de Educación Primaria deste centro escolar
Infogauda / Gondomar
ABANCA e Afundación entregaron no CEIP Serra-Vincios, de Gondomar un dos tres premios nacionais da sétima edición do seu programa educativo ‘Segura-Mente: O Gran Festival’. O equipo gañador foi a aula de 5º A de Educación Primaria deste centro escolar, que se alzou co galardón na categoría A e gozará dun premio de 2.000 euros en experiencias.
O encargado de entregarlles o cheque foi o responsable de ABANCA Seguros, na Territorial Vigo, Ricardo Álvarez.
Esta actividade forma parte do programa de educación fi nanceira que desenvolven o banco e a súa Obra Social e ten como obxectivo achegar aos máis novos a educación fi nanceira aplicada á vida real mediante un xogo ameno e divertido. Nesta sétima edición participaron centos de centros educativos organizados en tres categorías, en función da idade do alumnado.
Cada equipo participante enfrontouse ao reto de deseñar un festival escolar sostible e xestionar o seu propio orzamento a través dunha plataforma de xogo en liña deseñada por Afundación, co obxectivo de financiar unha actividade conxunta ou viaxe de fin de curso.
Os proxectos gañadores foron seleccionados por un xurado técnico en base a criterios de creatividade, orixinalidade, calidade e sostibilidade.
Con ‘Segura-Mente: O Gran Festival’, ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, reforzan o seu compromiso coa formación en competencias clave para o futuro do alumnado, como a xestión responsable do diñeiro, a sostibilidade e o traballo en equipo, aliñándose co seu propósito de impulsar unha educación transformadora e con impacto social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario