12 de xuño de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra apoia este ano confrarías e agrupacións de mariscadoras cunha liña de axudas dotada con 350.000 euros da que se beneficiarán entidades de 18 concellos 

•  O deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, mantivo un encontro na Lonxa de Campelo (Poio) coas entidades beneficiarias destas axudas, cuxo reparto se aprobará este venres na Xunta de Goberno e suporá un incremento do 33% de recursos concedidos respecto a 2024


O deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, mantivo este xoves un encontro na Lonxa de Campelo (Poio) coas entidades que se beneficiarán das axudas da Deputación de Pontevedra ás confrarías, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, mantivo este xoves un encontro na Lonxa de Campelo (Poio) coas entidades que se beneficiarán das axudas da Deputación de Pontevedra ás confrarías, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras, dotadas con 350.000 euros. En total beneficiaranse destas axudas, cuxo reparto se aprobará este venres na Xunta de Goberno, entidades de 18 concellos da provincia que máis de 300.000 euros, o que supón un incremento de 75.000 euros e dun 33% respecto ao que recibiron na convocatoria anterior na mesma liña de axudas.  

 Marcos Guisasola lembrou que “as confrarías e agrupacións de mariscadoras sodes fundamentais para o desenvolvemento económico da nosa provincia”. Neste sentido, puxo en valor que a provincia aglutina dúas de cada tres empresas de Galicia do sector do procesamento de peixe, crustáceos e moluscos, e tamén catro de cada 10 empresas de comercialización destes produtos. Por iso, matizou Guisasola, “sodes un motor de emprego e economía singular, do que dependen tantos e tantos fogares no noso territorio costeiro”.  

 Este ano recibirán os recursos da Deputación agrupacións de 18 concellos da provincia: Baiona, Bueu, Cambados, Cangas do Morrazo, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Farano a través da liña de investimentos, con 100.000 euros repartidos entre 15 colectivos, e a de gasto corrente, con 200.000 euros para 22 colectivos. Precisamente esta última liña naceu, tal e como recordou Guisasola, o ano pasado “para contribuír ao momento tan delicado que está a pasar o sector despois dos temporais e extensos períodos de peche dos bancos debido á alta mortaldade de ameixa e tamén doutras especies”.  

 Cos recursos provinciais, as entidades beneficiarias poderán facer fronte a investimentos como a adquisición de vehículos, de material informático e de oficina, motores ou material de vixilancia, e tamén a gasto corrente como os gastos de persoal, electricidade, combustible ou a adquisición de sementes. “Somos –remarcou o deputado provincial- un goberno comprometido co mar, e por iso estamos a manter un constante diálogo con vós, escoitándovos, dando resposta ás vosas necesidades, impulsando medidas que vos beneficien e aumentando o noso compromiso desde o máximo respecto e admiración que sentimos polo voso traballo, imprescindible na conservación do medio natural e na garantía da explotación sostible dos nosos recursos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario