24 de maio de 2026

A GUARDA

"Arredor do Ferruxo": a memoria resiste, de xeración en xeración   

• A Guarda acolleu á presentación dun libro imprescindible


O concelleiro de Cultura e Deportes, nun momento da súa intervención, no acto de presentación do libro "Arredor do Ferruxo", ao carón de Mª Begoña Vicente Sobrino, Manuel Vázquez de la Cruz, Basilio Barrocas e Fernando Salgado Varela
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 Procedentes de concellos como A Illa de Arousa, Caminha, Tui, O Rosal,..., entre outros, o venres día 22 de maio, o salón de plenos da Casa do Concello de A Guarda, acolleu a presentación do libro "Arredor do Ferruxo", acto no que ademais do concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, participaron os promotores desa publicación, Manuel Vázquez de la Cruz e Fernando Salgado Varela, así como María Begoña Vicente Sobrino, coautora - xunto con outras 25 persoas máis - dese interesante libro, cuxa lectura recomendamos vivamente.


Portada do libro "Arredor do Ferruxo", editado por Levada Libre


  Diante dun público entre o cal estaban familiares de varias persoas que foron víctimas da persecución e represión franquista; abriu o turno de intervencións Celso Rodríguez Fariñas, para dar a benvida a todas as persoas que asistiron ao acto, agradecéndolles súa presenza, e de xeito especial a Manuel Vázquez de la Cruz, e todas as persoas que están ao seu carón. 

 O concelleiro desculpou a ausencia do alcalde, por atoparse nunha reunión en Caminha.

 A continuación fixo uso da palabra, Manuel Vázquez de la Cruz que fixo unha repulsa cívica "(...) a todos os que están masacrando ao pobo palestino (...)", e anunciou que o vindeiro xoves, será presentada no rexistro de entradas do Concello de Tui, unha proposta para que lle sexa adicada unha rúa a Guillermo Vicente Santiago (Brasil, 1896 - Pintán (A Guarda), 10 de xaneiro de 1940), emprendedor, xornalista e político galego.

 Como contrapunto, Vázquez de la Cruz tamén se referiu a José Jurado Romero, individuo vencellado a Falange da Guarda, onde foi nomeado concelleiro-síndico na corporación municipal presidida por Francisco Moreno Álvarez, e posteriormente o 11 de setembro de 1951, foi nomeado alcalde de Tui.

  Vázquez de la Cruz tamén se referiu "(...) as atrocidades cometidas polos falanxistas (...)", para engadir que "(...) a partir deses feitos foi cando eu me fun convertendo en vermello (...)".  

 A continuación fixo unha lembranza de Guillermo Vicente Santiago, que foi o último alcalde republicano de Tui.

 Seguidamente, falou María Begoña Vicente Sobrino, unha das netas de Guillermo Vicente Santiago, quen dixo o seguinte: "(...) eu son a neta de Guillermo Vicente de Santiago, unha víctima da represión franquista e o derrradeiro alcalde republicano de Tui, vou contar un pouco a súa historia a grandes rasgos xa que vai escrita con mais detalle neste proxecto ¨Arredor do Ferruxo¨ xunto con outras historias cheas de sentimento e cariño, que farán que a memoria dos nosos familiares siga viva. 

 O meu avó foi un home moi activo políticamente falando porque antes de ser alcalde xa formou parte da corporación municipal do concello de Tui con outros alcaldes republicanos que o precederon, él foi nomeado alcalde en xullo do 36 poucos días antes do levantamento militar. 

 O meu avó era unha persoa bastante preparada e culta para aquela época, sabía varios idiomas, traballou nunha entidade bancaria e en varios xornais na Guarda e posteriormente tivo a súa imprenta na que foi director e editor do semanario Tribuna.

 A súa imprenta foi requisada e incautada polo réxime franquista deixando a toda a familia sen nada. 

 Entón como dixen neses días de revoltas todo se torceu e o meu avó xunto con outros republicanos abandonaron Tui e foron cara o Monte Aloia en busca de refuxo para poder salvar as súas vidas, uns foron fusilados outros conseguiron fuxir e o meu avó acompañado de Antón Alonso Ríos fuxiron cara os montes de Torroña en Oia, alí unha familia amiga acolléronos e escondéronos na súa casa, pero os falanxistas andaban na súa procura e os poucos días saíron daquela casa, Antón Alonso despois de pasar por varios pobos conseguiu chegar a Arxentina e salvarse, e o meu avó trasladouse a casa paterna onde vivía a súa nai  xunto coa miña avoa e os seus fillos, nos primeiros anos estivo agochado na casa dos sogros ou sexa dos meus bisavós nun zulo situado no baixo da casa , toda a familia colaborou axudando a niña avoa e o meu avó, nos últimos anos que estivo agochado xa se trasladou a casa da súa muller  e  dos fillos onde faleceu despois de 4 anos agochado. Guillermo estaba delicado do pulmón e sobrevivir a esa enfermidade naqueles tempos era difícil e nas condición de vida que tivo que soportar tampoco axudaron. Foi atendido por un médico amigo que era Darío Álvarez Blázquez pero sempre a distancia e as mediciñas que lle recetaba ían buscalas a unha farmacia de Sabarís a súa nai e a súa dona.  

 O final foi moi tráxico porque a miña avoa e os seus irmás tiveron que enterrar a meu avó na casa onde vivía xa que tiña que facerse todo en secreto por medo ás represalias, alí  estivo soterrado durante 35 anos ata que faleceu a niña avoa e os seus restos foron trasladados xuntos cos de María a súa dona ao camposanto de Salcidos. 

 Todos eses anos foron moi duros para o meu avó e para toda a familia que sufriron os contínuas visitas e rexistros domiciliarios dos falanxistas. 

 Por todo isto non podemos esquecelos, é necesario honralos, é necesario reparar a súa memoria, é necesario que se faga xustiza social.   

 Gracias aos que fixeron posible esta publicación, ós seus autores que puxeron todo o seu empeño e didicación neste traballo, as familias que colaboraron e os demáis colaboradores que fixeron que recordar sexa doloroso pero peor sería borralos da nosa  memoria para sempre".

 O testemuño de María Begoña Vicente Sobrino tivo como epílogo a lectura dun fermoso poema de Magdalena Sánchez Blesa: 

 A los nietos para que escuchen a sus abuelos


Una vez fui joven, de eso si me acuerdo  

y duró un instante, quizá un poco menos,   

pero yo fui joven tuve el pelo negro,  

tuve mucha fuerza y aquella soberbia propia de mi tiempo.  

No tengo muy claro cuanto duró aquello,  

se que fue muy breve desgraciadamente no tuvo remedio  

tuve mucha prisa, siempre iba corriendo y en un rinconcito  

mi abuela y mi abuelo “no corras muchacha” y en un instante desaparecieron.  

Ahora quisiera sentarme con ellos,  

contar sus arrugas, jugar con su pelo,  

dejarles mi cara para que pusieran en ella sus besos.  

Ahora daría todo lo que tengo porque me contaran su historia despacio,  

en el rinconcito donde yo me siento,  

no corráis muchachos les digo a mis nietos  

dejadme que os cuente mi historia pequeños,   

pero tienen prisa se les hace tarde para hacerse viejos.


 Logo da emotiva intervención de María Begoña Vicente, falou novamente Manuel Vázquez de la Cruz, para dar paso ao xornalista Fernando Salgado Varela, quen dixo: 

 "Éramos islas

 En Arredor do Ferruxo están presentes Cándida Rodríguez González, embarazada, Joaquín Besada e Venancio González Romero, Os Mártires de Sobredo, asasinados a tiros por defender a un veciño que se negou a pagar os foros.

 Carlos Alfaya, que pasou pola vida pensando antes nos outros que en si mesmo, e Paco Pedrosa, que ía xunguido a el, un amigo vitalista e alegre. 

 Domingo Páramos Núñez, O Ferreiro de Caldelas, arrincado da súa casa unha mañán de setembro de 1936, asasinado no Alto do Confurco, enterrado nunha fosa común en Mondariz, da que o levaron ao cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, e despois a Cuelgamuros, convertida en El Valle de los Caídos polos xenocidas franquistas. 

 Joan Manuel Serrat. Con tu voz creas puentes entre los abismos, entre la llamada alta cultura y la cultura popular, afirmou Ángeles Comesaña na intervención que protagonizou cando o cantautor catalán foi nomeado Socio de Honor polo Ateneo Español en México. 

 O poeta Carlos Oroza: En esta avenida se celebra el crimen cada año contra la libertad y desfilan los héroes achatados con sus laureadas y sus zapatos de pisar niños. Se prohíbe el paso.

 A Curva dos Nove, na estrada entre Baiona e A Guarda. 

 Raúl Francés, outra vítima da barbarie fascista, un santo laico que tiña mil motivos para odiar e non odiou a niguén, que non quixo flores na súa tumba e hoxe unha árbore o recorda, El árbol de las flores de Raúl, se chama. 

 Neste libro segue viaxando María Viñas en El Pájaro Blanco. Camiño do Hospital de Pontevedra para acompañar ao seu marido, Gumersindo Rodríguez, un panadeiro torturado que morreu atado a unha cama, e camiño de Vigo para vender café e sacar adiante aos seus catro fillos. Os restos de Gumersindo Rodríguez seguen nunha fosa común en Pontevedra. 

 José Felipe Muñoz, O Comunistiña, funcionario de Correos e gran bailarín, paseado e cuspido pola Corredoira de Tui entre berros e golpes, e tiroteado na Alameda. Tiña 22 anos. 

 José Díaz Labra, que acompañado dunha nena pequena ía todos os xoves a Cárcel da Torre, na Coruña, a levarlle comida e tabaco a Manolo Rey Alonso, un carabineiro que loitou por España e acabou preso por traidor á patria. 

 Las Monjitas Blancas, que mataron moitas fames no tempo na fame e ensinaron a ler e escribir a nenos de familias humildes. Tamén a carta escrita por Sor Pilar ao seu pai, un carabineiro asasinado na Alameda de Tui por manterse fiel á República, cuxo cadáver levaron do cemiterio ao osario da Catedral e de alí a non se sabe onde. 

 Jacinto da Silva Faría, preso por defender a democracia e a República, e condenado ao silencio cando saíu da prisión. 

 Julián Sío Ortúzar, que tivo que agocharse nun muíño na súa fuxida aos montes de Portugal para salvar a vida. 

 Sabel Gabaldón, desterrado a Ibiza, prisioneiro en campos de concentración e cárceres. Fame, disentería, tuberculosis, golpes… 

 Amado Vieira Amores, un abogado que esixiu a mellora da educación e foi asasinado o 25 de setembro de 1936 e enterrado nunha fosa común da provincia de Cáceres na que permaneceu durante 86 anos. 

 Guillermo Vicente de Santiago, fugaz alcalde de Tui, dono dunha imprenta, tipógrafo, xornalista e editor de xornais, agochado nun zulo de Pintán, onde morreu despois de catro anos de padecementos. 

 O abogado tudense Sabino Jurado Romero, que se alista voluntario para defender a República e acaba en México despois de estar internado en varios campos de concentración en Francia. 

 O traballo que leva adiante o concello de Tui para que sexan declarados ilegais os asasinatos, torturas e outro tipo de represalias das que foron vítimas 137 veciños, e o concello de Salceda de Caselas, abrindo fosas comúns. 

 Mabel unha muller manchega que saiu adiante coa súa filla e se enfrontou a un policía violador e torturador, e Clarita, a súa compañeira As dúas coidaron de Antonio, ferido por unha bomba nazi e enterrado nunha ceremonia oficiada por o Padre Suárez Llanos no Pozo do Tío Raimundo, en Madrid. 

 Saturno, de Las Hurdes, que despois de pasar polos campos de concentración de Granollers e Miranda de Ebro convertiuse nun sabio apicultor, gandeiro e agricultor nunha terra esquecida por todos. 

 Os dous veciños de Ribadelouro que foron comprar cadansúa folla de bacallau e colleron tal trompa que acabaron nunha cuneta baixo a chuvia co bacallau colgado do pescozo e  case desalado. 

 Xosé, o afiador de Chaveán, que marchaba por Europa pola primavera, volvía co inverno a casa e morreu en Iugoslavia. Os veciños acompañaron o seu cadáver iluminando a noite con fachucos de palla acendidos. 

 Un neno marroquí que quere fuxir da pobreza. O Sáhara traicionado por España. Gaza, masacrada por Israel coa complicidade da comunidade internacional,  convertida nunha escombreira onde os nenos morren de fame mentras suben as accións das empresas que fabrican armas. 

 A persecución que sofren as persoas pola súa orientación sexual. 

 O trauma que provoca emigración. 

 O protagonismo de Tui na orixe de Portugal, subliñado por José Saramago. 

 As guerras coloniais de Portugal en Angola, Guinea Bissau e Mozambique, das que o destino quixo que poidera zafarse un veciño de Vilar de Mouros. 

 O testemuño dun home nacido en São Tomé e Príncipe que, coa súa familia, leva adiante o seu proxecto vital en Sâo Bento do Cando.

 Val de Poldros, escenario dun encontro anual daqueles que defenden a xustiza universal coas armas da voz, a poesía, a palabra e a música. 

 Este libro é tamén unha invitación a pasear polas aldeas do norte de Portugal ou polo Monte Aloia de Tui. 

 Arredor do Ferruxo non se detén en fronteiras e achégase ao Campo das Laudas, en Cerdedo, onde se fincan once monumentos de pedra para recordar as vítimas do franquismo, nun proxecto que leva adiante o colectivo Capitán Gosende sen pedir permiso nin subvencións a ninguén. 

 Neste Memorial da Dignidade atopase compañeiro Juan Soto: Facer é a mellor forme de dicir, figura na súa lauda. É o lema que definiu a súa traxectoria. Engado unhas reflexións do poeta cubano  de José Martí, que conta cun monumento en Pontevedra instalado por un grupo de persoas no que se atopaba Juan Soto: 

Vale máis un minuto de pé que unha vida de xeonllos.

Para ir diante dos demais é preciso ver máis que eles.

Os seres humanos son como os astros: uns dan luz de sí e outros brilan coa que reciben.

A única sinatura digna dunha persoa é a que deixa escrita coas súas obras.

A morte non é verdade cando se cumpliu ben a obra da vida.  

 Compañeiro Soto, escribimos porque o tempo non se detén e temos na memoria que o noso presente se forxou no pasado e somos descendentes de persoas fusiladas, torturadas, soterradas nas cunetas, recluídas nos campos de concentración, inxuriadas e difamadas en catro décadas de ditadura ás que seguiron outras catro de indiferenza. 

 De Cerdedo eran Pancho Varela, xornalista, secretario do concello e xuíz de paz, que non se resignou tralo golpe de estado e foi fusilado en Pontevedra, e Francisco Varela Buela, un mestre que ensinaba inglés, francés, grego e latín e foi condeado a cadea perpetua. 

 Visitamos O Carrapucho, unha parada en Cuntis na Ruta Ho Chi Minh, pola que transitaron Xosé Manuel Beiras, Xohan Xesús González ou Antonio, O Comunista, entre outros moitos loitadores pola democracia, e subimos ao tren para desplazarnos ata El Campello (Alacant) e celebrar con Francisco Martínez López, El Quico, os cen anos dun guerrilleiro que segue impartindo leccións de dignidade. 

 Denunciamos o falsa neutralidade dunha España que suministrou wolframio a Adolf Hitler extraído en Lousame (A Coruña) e a brutalidade coa que foron tratados ducias de mariñeiros galegos presos nun cárcere de xeo no Gulag. 

Éramos islas y ahora somos urgentes archipiélagos, escribiu Mario Benedetti. Eramos dous e agora somos vinte oito cidadáns do mundo que queremos construír pontes nestes tempos escuros nos que se erixen muros, porque a terra é terra en todas partes e a nosa patria é a liberdade. Vimos de Portugal e Galicia, de Estremadura e Santo Tomé e Príncipe, de León e Palestina. Vimos de Valencia e México. Somos obreiros da palabra. 

 A colaboración de Raquel Páramos Escapa, Eva Páramos Viñas, Ángeles Comesaña, Xoa Francés Valverde, Anan Abdalah, Paula Álvarez Silva, Fátima R. Sío, Manuela Gabaldón, María Begoña Vicente Sobrino, María Belén Martínez-Estéllez, Basilio Barrocas, Juan Conde Guzón, Kelson Lima de Boa Esperança, Nuna Vasconcelos, Olinda Fernandes, Natalia Lago Bravo, Silvia Liliana Soutelo Lameiro, Rafael Bargiela, Enrique Cabaleiro González, Loli Castiñeira Alén, Calros Solla, Héitor Picallo Fontes, Loli Quinteiro, Manuel Fortes Besada, Paula Cascallar Latorre e Augusto Metztli fixo posible que compuxeramos este mosaico de historias, relatos, crónicas e poemas, que ten un fío condutor: o humanismo fronte a barbarie. 

 Todo comezou un día de outono do ano 2025, cando lle propuxen a  Manuel Vázquez de la Cruz, O Ferruxo que recompilase unha selección da súa extensa obra nun libro. Respondeu cunha contraproposta: aceptaría o reto se afrontabamos xuntos. Aceptei. Unhas semanas despois, mentres subiamos, os dous e Loli Quinteiro Lorenzo, por unha estrada tortuosa cara a San Bento do Cando entre a néboa e a choiva, chegamos a outro acordo: ofrecerlles aos amigos a oportunidade de participar, plasmando por escrito o noso compromiso coa paz e o noso rexeitamento a todas as guerras, de honrar a todas as persoas que foron vítimas do franquismo, de esixir xustiza social e rexeitar calquera manifestación de sexismo ou racismo. 

 Escribimos en galego, castelán e portugués sobre aqueles que despois de sufrir os desastres da guerra tiveron que vivir un longo tempo de silencio que se prolonga até hoxe, porque, non nos enganemos, a memoria tamén é selectiva e clasista: mentres algúns dan nome a fundacións e figuran en rúas e prazas, doutros moitos ninguén se acorda. Este libro é un acto de amor á vida e á xente do común, de memoria  e sentimento. Que fuxe dos dogmatismos. Somos libres e sabemos que é mellor camiñar entre os toxos que desfilar diante da autoridade competente (sexa a que sexa), a de hoxe, a de onte e tamén a de mañán. Nada nos hipoteca. 

 Nomeamos as vítimas e aos vitimarios. Agora esiximos unha reparación económica para as familias dos presos (políticos e comúns) por parte das empresas que se lucraron do seu traballo escravo e hoxe cotizan a alza no IBEX 35, como aconteceu en Alemaña cos xudíos, e aí están a Volkswagen, Bayern, BMW, Siemens, Krupp ou IG Farben. En Galicia hai exemplos dabondo: o Aeroporto de Lavacolla, o Pazo de Adai, en Lugo; O edificio do Arcebispado de Ourense, as ampliacións das cárceres de Lugo e Santa Isabel, en Compostela e a construción da estrada entre Vigo-Ourense e a Meseta son algúns. 

 Aquí, a  un paso, nas paredes do seminario xesuíta de Camposancos, reconvertido nun campo de concentración entre 1937 e 1939, os presos plasmaron centos de debuxos e mensaxes e tamén unha carta que di así: Querido amigo. Me alegraré de que al recibo de esta carta te encuentres bien de saluz, bueno yo asta la fecha de saluz como yo asta la fecha bien sin novedad. Sin mas que ya estoy encabronao de tanta. (Es como si el preso hubiera realizado un esfuerzo sobrehumano para escribir una carta absolutamente convencional y en el último momento le hubiera desbordado la amargura y se hubiera roto, como se rompe su carta sin destinatario y sin mensaje, argumenta Alfredo González Ruibal en Volver a las trincheras, o libro no que figura esta cita, Alianza Editorial, 2015). Morreron máis de medio centro de presos, quizá por eso la insistencia en dejar un testimonio de una vida, engade. 

 Pero, lonxe de actuar, o poder xudicial fai deixamento das súas obrigas. A complicidade cos criminais deu paso hoxe á reivindicación do envelenado ideario fascista desde os parlamentos. Cairon todas as máscaras e detrás estaba a caveira. 

 E remato polo principio: o primeiro relato desde libro está dedicado a unha besta. Ala Ferruxiña, móvete como sabes que quero darlles envexa aos tratantes de gando. Con cariño e respecto lle falaba Diego -o home de Manuela, os iniciadores da saga dos Ferruxo- a unha egua de cor da cinza, estrela branca na fronte e de grandes aires nos andares".

 Antes de rematar o acto, Manuel Vázquez de la Cruz cedeulle o turno da palabra a Basilio Barrocas, de Vilar de Mouros (Caminha), quen declarou publicamente ter sido candidato do PCP, e fixo súa achega verbal lembrando en ton crítico a ditadura de António de Oliveira Salazar, quen instituíu en Portugal o chamado Estado Novo.

 O acto rematou coa sinatura por parte de Manuel Vázquez de la Cruz e de Fernando Salgado Varela, de exemplares do libro Arredor do Ferruxo, un espazo bibliográfico onde se acredita que a memoria resiste, de xeración en xeración.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario