27 de maio de 2026

DEPORTES

O CONCELLO DA GUARDA RECIBIRÁ OFICIALMENTE AO MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS TRAS PROCLAMARSE CAMPIOAS DE EUROPA   

A Guarda renderá homenaxe este xoves, 28 de maio, ás 20:30 horas, ás campioas continentais tras unha histórica tempada invicta na EHF European Cup   

O Concello tamén recoñecerá o éxito das cadetes do Atlético Guardés, campioas da Liga Ouro  



O equipo Mecalia Atlético Guardés, da División de Honra Feminina de balonmán, celebrando o fito histórico de haberse proclamarse campioas de Europa da EHF European Cup

Foto: SportCoeco

Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda celebrará este xoves, 28 de maio ás 20:30 horas, unha recepción oficial ao equipo feminino do Mecalia Atlético Guardés, actual conxunto da División de Honra Feminina de balonmán, tras facer historia no deporte galego este pasado domingo ao proclamarse campioas de Europa da EHF European Cup.   

 O equipo guardés acadou este fito histórico despois de vencer ao MSK IUVENTA Michalovce na gran final continental, culminando ademais unha competición impecable na que permaneceron invictas durante todo o torneo.  

 Dende as 17.30 horas, o pavillón da Sangriña acollerá unha despedida ás xogadoras e corpo técnico que abandonan o Club ao remate desta tempada, ademais dunha sinatura de autógrafos e unha sesión de fotografías co trofeo da EHF European Cup.

 A continuación ás 19:15 horas un autobús turístico rotulado coa fazaña e o escudo do equipo, partirá coas xogadoras desde o pavillón municipal A Sangriña, iniciando un percorrido polas principais rúas da vila para compartir este éxito histórico coa veciñanza guardesa.   

 A ruta prevista será a seguinte: paseo de Portugal, rúa Julia Vaquero, rúa Galicia e rúa Puerto Rico ata a rúa José Mª Andreini - onde estaba a tasca-tenda O Galo -. Alí o autobús realizará unha primeira parada. Nese punto, as xogadoras baixarán para dirixirse á igrexa parroquial de Santa María e realizar unha ofrenda floral na honra de Juan Rodríguez Pérez, expresidente do Club Balonmán Atlético Guardés, falecido o día 12 de agosto de 2024.  

 Posteriormente, o percorrido continuará polas rúas Galicia, Baiona, Rosalía de Castro, Coruña, Ourense, praza Avelino Vicente, Manuel Álvarez, Circunvalación e San Caetano, regresando de novo por Circunvalación, Manuel Álvarez, Concepción Arenal e rúa do Porto ata a rotonda, onde se realizará unha nova parada fronte ao Monumento ao Mariñeiro.   

 Finalmente, o autobús retomará o traxecto polas rúas Porto, Concepción Arenal, Juan Domínguez Fontela, Galicia e Puerto Rico ata O Galo, onde as xogadoras descenderán para realizar a pé o último tramo ata a Casa do Concello, lugar ao que está prevista súa chegada arredor das 20:30 horas.   

 Na Casa do Concello, o equipo será recibido polas autoridades municipais e, tras un breve acto de homenaxe institucional, as xogadoras sairán ao balcón da casa consistorial para saudar a todas as persoas asistentes e compartir coa afección este histórico triunfo para o deporte guardés e galego.   

 Ademais, tamén se renderá homenaxe ao Mecalia Atlético Guardés Cadete Feminino, que participarán igualmente no percorrido en autobús. O equipo vén de completar unha tempada histórica tras proclamarse campioas da Liga Ouro, máxima competición galega da categoría, un logro sen precedentes na historia da base do club.   

 As cadetes tamén estiveron moi preto de acceder á fase final nacional, competindo esta pasada fin de semana como equipo anfitrión da Fase Zonal do Sector Nacional do Campionato de España Cadete Feminino, celebrada no pavillón municipal da Sangriña, consolidando así o excelente momento deportivo que atravesa a canteira do club.  

 O Concello da Guarda anima a toda a veciñanza a participar nesta recepción e a acompañar aos equipos nunha xornada histórica para o deporte local e para toda a vila da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario