12 de xuño de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra gaña a prata no International Tourism Film Festival Africa 2025 coa campaña Cando volves?, elixida entre 450 audiovisuais turísticos de 60 países do mundo 

• A campaña turística da provincia de Pontevedra acadou este recoñecemento na categoría de rexións e súmase ao ouro obtido fai uns meses en Xapón


Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra acaba de gañar a prata na categoría de rexións turísticas no International Tourism Film Festival Africa 2025 polo audiovisual da campaña Cando volves? Tras ser seleccionada entre case 450 vídeos promocionais de destinos de 60 países do mundo, este novo recoñecemento para a campaña turística da provincia súmase ao galardón de ouro no Japan World’s Tourism Film Festival.  

 A institución provincial logrou posicionarse como finalista deste certame no pasado mes de marzo e esta mesma semana deuse a coñecer o recoñecemento acadado na súa categoría, na que competía con outros seis audiovisuais turísticos. O International Tourism Film Festival Africa é un festival internacional que premia as producións audiovisuais que destacan a riqueza cultural, natural e turística de diferentes destinos arredor do mundo. O seu principal obxectivo é fomentar a creatividade e o impacto positivo do cinema na industria do turismo.  

 Cando volves? é unha peza audiovisual na que os lugares do interior da provincia teñen todo o protagonismo, dentro dunha campaña onde tamén se fala da hospitalidade e o carácter acolledor da xente da provincia. A Deputación escolleu este ano o interior de Pontevedra debido a que queda moito da provincia por descubrir, para así convidar a xente a achegarse en diferentes ocasións ao longo de todo o ano, tendo tamén en conta que a desestacionalización é un dos obxectivos principais do goberno da Deputación no marco da súa estratexia turística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario