A Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda puxo broche de ouro ao ciclo “Música nas Parroquias!”
• Na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos
Redacción/Camposancos
O pasado sábado, 23 de maio, a Casa da Comunidade de Montes de Camposancos converteuse no escenario perfecto para poñer o broche de ouro ao ciclo “Música nas Parroquias!”, organizado polo Concello da Guarda en colaboración, nesta ocasión, coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. A encargada de pechar este exitoso programa cultural foi a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, que dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, ofreceu unha actuación maxistral moi celebrada polo numeroso público asistente.
Baixo unha atmosfera cálida e entregada, a formación guardesa demostrou unha vez máis a súa calidade interpretativa cun repertorio amplo e variado, pensado para chegar a todos os públicos. O concerto percorreu diferentes estilos e sensibilidades musicais, desde as tradicionais muiñeiras e jotas ata pasodobres de gran forza e viveza, sen esquecer melodías populares do mítico grupo ABBA - formación sueca de música pop, integrado por Agnetha Fältskog, Björn Ulvaeus, Benny Andersson e Anni-Frid «Frida» Lyngstad -, que espertaron a complicidade e os aplausos dos asistentes.
A banda tamén tivo espazo para render homenaxe a destacados compositores vinculados á música galega e guardesa, interpretando pezas de Rogelio Groba Otero e, como non podía ser doutro xeito, do grandísimo músico guardés José Luis Lorenzo Rodríguez, moi querido e admirado pola veciñanza.
Cada interpretación foi recibida con entusiasmo por un público entregado que acompañou o concerto con constantes e calorosos aplausos, recoñecendo así o gran nivel artístico dunha actuación que deixou un magnífico sabor de boca e puxo o mellor final posible a esta edición de “Música nas Parroquias!”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario