18 de xuño de 2025

GALIZA

Persoal da sanidade mobilízase para rexeitar o “novo desprezo” do Ministerio ao seu traballo  

  A CIG-Saúde convocou protestas nas comarcas para denunciar que a nova clasificación profesional do Estatuto marco non suporá actualización salarial 


Persoal da sanidade pública galega desenvolveu hoxe concentracións en todas as áreas sanitarias convocadas pola CIG-Saúde

Fotos: CIG




Infogauda / Galiza 

 Persoal da sanidade pública galega desenvolveu hoxe concentracións en todas as áreas sanitarias convocadas pola CIG-Saúde para rexeitar “con firmeza a nova mostra de “desprezo” do Ministerio de Sanidade cara ao persoal do sistema sanitario público. Dende a central sindical denuncian que o pasado 26 de maio a ministra de Sanidade confirmou, nunha reunión, que a nova clasificación profesional prevista no Estatuto Marco non traerá consigo ningunha actualización salarial. “Esta decisión é un insulto para quen día a día sosteñen a sanidade pública con profesionalidade, dedicación e sacrificio”.  

 Desde a CIG-Saúde consideran que esta decisión é unha clara falta de compromiso do Ministerio coa sanidade pública e co seu persoal. “A ministra lava as mans escudándose en que a actualización salarial non é da súa competencia, adiando unha vez máis, sen data, unha mellora imprescindible e máis que xusta. Non é novo: xa existen hoxe múltiples categorías profesionais mal clasificadas, mal retribuídas e ignoradas”.  

 A proposta de reforma presentada non soluciona esta situación, senón que a perpetúa. Unha clasificación “actualizada” que non trae consigo melloras reais “é unha burla”. Por iso dende a central sindical queren deixar moi claro que non apoiarán ningún Estatuto Marco que non recolla explicitamente a actualización salarial correspondente á nova clasificación profesional.  

 Ao tempo que esixen que se recoñeza o valor real do traballo, da formación e da responsabilidade do persoal da sanidade pública, xa que non aceptan reformas que lexitimen a súa infravaloración económica. “A isto súmase outro desprezo intolerábel: a negativa do Ministerio a incluír no novo Estatuto calquera mención ao dereito á xubilación anticipada. Unha reivindicación histórica, xusta e necesaria, nun sector que sofre un desgaste físico e emocional brutal. Esta negativa demostra, unha vez máis, o desinterese do Ministerio polas condicións de traballo do seu persoal”.  

 Así, demandan unha clasificación profesional xusta, recoñecida e ben retribuída; a actualización salarial inmediata en función do grupo de clasificación, e equiparación co Estatuto Básico do Persoal Público; o recoñecemento do dereito á xubilación anticipada para quen traballa no ámbito sanitario; e, sobre todo, respecto pola sanidade pública e por quen a fai posíbel”.  

Intento de secuestro do megáfono en Compostela 

 No decurso da mobilización celebrada ás portas do Hospital Clínico Universitario de Santiago a policía nacional intentou requisar o megáfono, que non se estaba utilizando, argüíndo que tiñan que levalo á comisaría para comprobar se superaba os decibelios legais. Unha solicitude á que a secretaria de Organización, Susana Méndez, se negou. “Non imos entregar un megáfono que non se está usando porque pretendan comprobar, de forma preventiva, se se podería vulnerar con el lei ningunha”. 

 A policía insistiu afirmando que tiñan que comprobar se se trataba do megáfono utilizado nunha mobilización anterior, celebrada tamén ás portas do hospital. Cuestión que consideraron “surrealista”, tendo en conta que os megáfonos son todos iguais, que nin agora, nin daquela tiñan equipo de medición algún e que, en todo caso terían que o ter comprobado nese momento. 

 Ante isto, a policía identificou tanto a Méndez como a Xabier Alvedro, membro da Executiva de CIG-Saúde, e ameazou con levalos detidos, asegurando que ían ser sancionados, agora non por portar un megáfono que podería ter feito ruído de máis, senón por desobediencia, por negarse a entregalo.  

 A CIG-Saúde responsabiliza desta actuación policial, da que os propios policías dixeron que seguían ordes, á Xerencia do CHUS, que utiliza o argumento dos decibelios do megáfono para tratar de dificultar, porque non a pode impedir, a protesta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario