14 de xuño de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

A estremo Ariana Portillo é a terceira fichaxe do Mecalia Atlético Guardés 2025/2026 

A internacional paraguaia de 23 anos súmase ao proxecto do equipo da Sangriña para o vindeiro curso 

Portillo procede de dúas temporadas en Granollers, onde se desenvolveu con soltura dende ambos estremos da pista, e tamén conta con pasado no Porriño 


A internacional paraguaia Ariana Portillo, de 23 anos, nova incorporación do Mecalia Atlético Guardés
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés desvela un novo nome para a tempada 2025/2026. A internacional paraguaia Ariana Portillo chega ao equipo para fortalecer o estremo e sumar o que será o seu cuarto ano na elite española. Tras tres tempadas no Balonmano Porriño e no KH-7 Granollers, a xogadora de 23 anos busca no equipo da Sangriña novos retos que a fagan medrar como deportista, así como a oportunidade de comprometerse co proxecto.  

 Portillo, natural de Asunción (Paraguay), é unha xogadora versátil e destra, con ambivalencia nos dous estremos da pista. Precisamente dende eles aportou ao plantel do Granollers as dúas ultimas tempadas, nas que conseguiu afianzarse na máxima categoría española despois dun primeiro ano no Porriño. O vindeiro curso, a internacional volverá a Galicia para inaugurar unha nova etapa na Guarda, na que espera explotar ao máximo o seu potencial novo e seguir medrando e mellorando como xogadora. 

 Na escuadra catalá, a estremo vén de firmar unha grande campaña cun total de 34 goles dende os límites esquerdo e dereito do ataque. Ademais, Portillo tamén impresionou nos últimos anos coa camiseta da súa selección, a Confederación Paraguaya de Handball, onde compartiu vestiario coa tamén estremo guardesa Jazmín Mendoza e puido traballar da man de Ana Cristina Teixeira Seabra. Con Ariana, o Mecalia Atlético Guardés aposta polo futuro e busca conformar un conxunto de integrantes unido e con compromiso, factor que foi unha das chaves do seu éxito na tempada que vén de pecharse.  

 Portillo é a terceira fichaxe que se suma ao conxunto 2025/2026 do equipo da Guarda, xunto con Lorena Téllez e Anouk Nieuwenweg. Ambas súmanse ás dez renovacións do equipo: Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, Blazka Hauptman, Ania Ramos, María Sancha, Carme Castro, Elena Martínez, Estela Carrera, María Palomo e Jazmín Mendoza, e xunto a todas elas estarán baixo os mandos de Ana Cristina Teixeira Seabra á fronte do corpo técnico. Nas seguintes semanas o club anunciará ás xogadoras restantes que conformarán o seu proxecto para o ano que vén. 

Ariana Portillo: “Sentín que esta non era unha oferta máis, senón unha oportunidade de ser parte de algo único” 

 A estremo Ariana Portillo, terceira fichaxe do Mecalia Atlético Guardés 2025/2026, non ten dúbidas: “Estou aquí porque creo neste proxecto. Cando o Guardés me chamou, sentín que non era unha oferta máis, senón unha oportunidade de ser parte de algo único”, declara ilusionada. 

 A internacional paraguaia amosouse con ganas de vivir a experiencia na Guarda e converterse nunha peza importante para o seu equipo. “Vin polo ambiente, pola vila, pola súa xente. Pero sobre todo porque quero formar parte dun proxecto que loita por todo”, engadiu. A grande tempada que vén de asinar o Mecalia Atlético Guardés, na que se ergueu como líder da liga regular e quedou a un paso de loitar polo título na final da eliminatoria, supón unha motivación especial para Portillo, que deixa claras as súas ganas de ir a por todo. “Veño a dar o mellor de min, e espero que a afección tamén veña a empurrar con nós”, engadiu a xogadora, desexosa de coñecer o son do Inferno. 

 Polo demais, o club será un ambiente en certo modo familiar para Ariana. O contar xa con experiencia en Galicia súmase ao feito de que no equipo terá a compañía da súa amiga e compatriota Jazmín Mendoza. Ademais, estará baixo as ordes da adestradora Ana Cristina Teixeira Seabra, a quen tamén coñece do seu traballo na selección paraguaia, o que admite que actuou coma “un plus” á hora de tomar a decisión de sumarse ao proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario