22 de maio de 2025

VIGO

A CIG renova a súa maioría no servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro 

A central fíxose con 3 dos 5 representantes no comité de Veolia 

Infogauda / Vigo

 A CIG-Industria logrou renovar a maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar en Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. As candidaturas da central fixéronse unha vez máis con 3 dos 5 representantes que se escollían no comité de empresa. 

 Ao igual que acontecera a finais de 2020, a CIG foi a forza máis votada no proceso celebrado hoxe, colleitando 45 dos 70 votos contabilizados en total. No colexio de especialistas sumou 42 apoios, que se traducen en 3 delegados, fronte ao único representante conseguido por CCOO (14 votos). 

 Entre o persoal de oficinas a central obtivo tres apoios, que non foron suficientes para facerse con representación no colexio de técnicos/as e administrativos/as. Neste caso foi para a UGT grazas aos 8 apoios que sumou. Cabe salientar a elevada participación que rexistrou o proceso, no que só quedou sen votar un traballador. 

 Dende a representación sindical da CIG en Veolia agradecen a confianza e o apoio recibido por parte do persoal do servizo de mantemento do Álvaro Cunqueiro e reiteran a súa disposición a continuar loitando polos dereitos do conxunto do persoal.  

 Ao mesmo tempo, salientan o compromiso amosado nos últimos anos polas persoas traballadoras da empresa na mellora das súas condicións laborais, como evidencia a consecución dun convenio colectivo baseado na equiparación co persoal do Sergas, con xornadas e salarios segundo táboas do organismo público, con baixas por IT ao 100%, cunha bolsa de emprego que permite unha praza fixo ao persoal eventual que cumpra os requisitos ou coa igualdade de condicións para o persoal substituto, entre outras cuestións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario