10 de maio de 2025

TUI

O Mercado de San Antonio pioneiro ao ofrecer taquillas intelixentes para a recollida de produtos  

  Este sistema, xa en funcionamento e plenamente operativo, está composto por 10 taquillas refrixeradas e 5 taquillas sen refrixerar, instaladas na parte traseira exterior da praza


Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O Mercado Municipal de San Antonio consolídase como referente na modernización do comercio de proximidade. Dentro do proxecto de reforma integral levado a cabo este espazo dotouse dun servizo innovador e pioneiro como son  taquillas intelixentes que permiten a recollida de produtos fóra do horario habitual de apertura.  

 Este sistema, xa en funcionamento e plenamente operativo, está composto por 10 taquillas refrixeradas e 5 taquillas sen refrixerar, instaladas na parte traseira exterior da praza. A súa finalidade é facilitar a compra da clientela, permitindo facer pedidos directamente aos praceiros e praceiras —por teléfono ou por outros medios acordados— e recollelos cando mellor lles conveña, de forma cómoda, segura e adaptada ao seu ritmo diario. As taquillas refrixeradas aseguran a conservación axeitada dos produtos frescos, mentres que as normais están indicadas para outros artigos.  

 A concelleira de Comercio, Ana Núñez, subliña que “este novo servizo reflicte o compromiso coa innovación e coa comodidade dos usuarios e usuarias, nun mercado que se sitúa á vangarda tras a súa remodelación”. Núñez engade que “ademais das melloras nas instalacións interiores, completáronse tamén as obras da contorna, permitindo que o espazo acollera diversos eventos durante as festas, que serven para dar a coñecer o mercado a novos potenciais clientes”.  

 As taquillas intelixentes forman parte do proceso de dixitalización do mercado e representan unha clara aposta pola modernización dos espazos tradicionais de venda, integrando tecnoloxía sen perder a esencia do comercio local. Trátase dunha solución funcional, moderna e eficiente, pensada para responder aos novos hábitos de consumo e para reforzar o vínculo entre a praza e a cidadanía.  

 Con esta iniciativa, o Mercado de San Antonio reafirma o seu papel como espazo de referencia, combinando tradición, innovación e proximidade para seguir sendo un punto clave na vida diaria de Tui.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario