24 de maio de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés encoméndase de novo á Sangriña para estar na final

 Este domingo, 25 de maio, ás 12:00 horas, no pavillón municipal de A Guarda




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés debe volver crer no poder da Sangriña. Este domingo ás 12:00 horas, no pavillón municipal, as de Ana Cristina Teixeira Seabra recibirán en casa ao Atticgo Balonmán Elxe para disputar un partido de volta de semifinais da eliminatoria da liga Guerreiras Iberdrola 2024/2025 no que irán, unha vez máis, a por a remontada. Tras caer a domicilio no encontro de ida por unha diferenza de catro goles, o equipo galego terá que volver salvar os mobles ante os seus seareiros como xa o fixo hai dúas semanas no partido de volta de cuartos de final. E aínda que na loita pola final a renda para salvar é algo menor (contra o Valladolid era de seis goles), o rival tamén é máis fero e vén de deixar moi clara a súa capacidade para poñer ás da Guarda en apertos. De novo, a convocatoria mantense sen cambios, con todas as xogadoras dispoñibles salvo Elena Martínez.  

 O Mecalia Atlético Guardés chega ao partido, unha vez máis, estudando os erros do encontro de ida e buscando limitalos custe o que custe. A pesar de que o duelo do pasado mércores no Esperanza Lag non estivo tan dispar en termos de xogo, as de Ana Cristina Teixeira Seabra cometeron unha serie de imprecisións en momentos clave que permitiron ao Elxe crear esa diferenza de goles que tan complicada resultou de liquidar (26-22). A boa defensa do Mecalia Atlético Guardés, así como un xogo en ataque tamén moi correcto na maioría de minutos, víronse embazados polas perdas de balón e a falta de efectividade no lanzamento a portería que apareceron xusto cando non debían facelo.  

 Así, este domingo, a misión será recuperar boas sensacións ante a súa propia afección, as mesmas que hai dúas semanas permitíronlles crecerse en casa e remontar unha renda mesmo maior ante o Caja Rural Aula Valladolid para conseguir o pase a semifinais. Se entón lograron igualar unha vantaxe de seis goles, entre o equipo e os seus seguidores confíase na posibilidade de chegar aos catro agora, sobre todo co gran aliciente que supón o ambiente de O Inferno. Ademais, o equipo estará de novo ao completo, sen ter que lamentar ausencias agás á de Elena Martínez.  

 Con todo, tamén se sabe que o conxunto ilicitano é un rival máis duro que a Aula e que chega no que posiblemente sexa o seu mellor momento da tempada. Proba diso foi a capacidade para facer fronte a unha boa actuación das de Ana Cristina Teixeira Seabra deste mércores, mentres que a vitoria local en Valladolid debeuse en moita maior medida a un peor partido pola banda guardesa. Por todo iso o preparador Joaquín Rocamora cre na presenza das súas na final polo título, a pesar de clasificar en quinto lugar na liga regular, e o seu obxectivo será manter custe o que custe a vantaxe coa que chegan a este encontro de volta.  

 Polo de agora, o equipo alacantino foi unha das grandes sorpresas desta eliminatoria polo título ligueiro, e álzase agora mesmo como o que maior diferenza de goles ao seu favor ostenta, tras a renda de 22 tantos obtida sobre o Porriño sumando os dous duelos de cuartos de final. Con todo, o Elxe tamén sabe que o Mecalia Atlético Guardés soamente perdeu un partido como anfitrión en todo o que vai de tempada, e que entre as súas numerosas vitorias cóntase a que materializou sobre el mesmo na novena xornada (23-20, novembro 2024). Haberá que volver facer de O Inferno un fortín que permita chegar á vantaxe necesaria.  

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Queremos ter unha última palabra en casa”  

 Para a adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, o deste domingo será un partido “especial”, no que as súas deberán remontar polo menos catro goles, e polo que “sabemos que non vai ser fácil”.  

 A técnica, que xa encomiou o final de tempada do equipo ilicitano antes do encontro do mércores, puido comprobar unha vez máis que o Elxe é “un equipo que ten moitos recursos” e ante o que “os fallos e a ineficacia” das súas “fixéronnos moito dano no resultado”. Con todo, insiste Seabra, o obxectivo non cambiou, e aclara que “queremos ter unha última palabra en casa e queremos buscar e corrixir as cousas que non foron tan ben” no duelo de ida.  

 Polo demais, a preparadora do equipo da Sangriña confía no poder da súa afección, que xa se someteu a unha proba importante hai dúas semanas. Este domingo ten a oportunidade de pasar o exame de novo, e aínda que ninguén dubida das ganas de vitoria de O Inferno, Seabra indica que fará falta algo máis por parte das súas xogadoras: “Vai ser un partido moi difícil, moi duro, e soamente estando nun nivel moi alto de efectividade e concentración podemos pasar esta eliminatoria”, conclúe a técnica.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola | Semifinal (volta) 

Mecalia Atlético Guardés – Atticgo Balonmán Elxe 

Domingo, 15 de maio, ás 12.00 horas no Pavillón da Sangriña 

Retransmitido en directo por Teledeporte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario