24 de maio de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra alerta dun aumento significativo de mildio e recomenda renovar os tratamentos nas viñas en floración 

 O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro insiste na importancia de manter a protección fronte ao mildio, oídio e black rot


Videiras en floración
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, advirte que a viña albariña está a entrar na fase de floración, un dos momentos máis sensibles para o cultivo, e que coincide cunha climatoloxía máis estable. Esta situación, tal e como advirte o persoal técnico, pode favorecer unha boa formación do froito, pero tamén require atención máxima fronte ás principais enfermidades, é dicir, mildio, oídio e black rot.  

 No relativo ao mildio, nas revisións desta semana o persoal técnico observou unha situación desigual, con parcelas sen síntomas ou ben controladas pero tamén con predios con ataques importantes, afectando ata un 30% dos acios, sobre todo na comarca do Condado, estando O Salnés nunha situación intermedia e O Rosal onde menos problemas se detectaron. Estes casos coinciden con tratamentos mal realizados ou con produtos mesturados de xeito incorrecto, o que pode reducir a eficacia dos funxicidas. Por iso, recoméndase revisar de forma continua as parcelas, e renovar o tratamento cando remate o período de protección do produto anterior, usando funxicidas curativos e antiesporulantes se hai síntomas activos.  

 O persoal de Areeiro lembra ademais que, debido á previsión de ventos moderados, non se deben aplicar tratamentos se a velocidade supera os 10,8 km/h, e debe extremarse a precaución preto de zonas sensibles como cursos de auga ou vivendas. Ademais, fan fincapé na importancia de manter ben rozada a vexetación baixo as plantas para favorecer a ventilación e reducir os niveis de humidade, algo que se debe facer en todo momento pero máis nas épocas de maior sensibilidade das vides a este e outros patóxenos  No tocante ao oídio, esta semana non se detectaron novos síntomas, pero desde Areeiro recomendan incluír funxicidas específicos contra este patóxeno nas intervencións, especialmente nas variedades máis sensibles e no período de floración. En canto ao black rot, non se observaron novos síntomas con respecto á semana anterior, pero si permanecen visibles en plantas testemuña no Condado. Por iso, insístese en empregar produtos rexistrados contra este fungo se xa se observou presenza en campañas anteriores.  

 O aviso tamén inclúe observacións noutras especies. No caso da maceira e pereira, o persoal de Areeiro detectou unha continuidade nas capturas de avelaíña e colonias de pulgón cincento, polo que reitera a utilidade das trampas de seguimento e a eliminación manual dos primeiros brotes afectados para evitar tratamentos químicos. Por outra banda, nas revisións de buxo, castiñeiro e outras plantas, non se detectaron aínda síntomas significativos de pragas, pero mantense a vixilancia ante a posible aparición de insectos chupadores debido ao ascenso das temperaturas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario