A ENTIDADE LOCAL MENOR DE CAMPOSANCOS VAI CELEBRAR O SEU CENTENARIO
• O sábado día 24 de maio ás 17:00 h, na praza de san Amaro
Infogauda / Camposancos
A Entidade Local Menor (E.L.M.) de Camposancos prepárase para conmemorar un fito significativo da súa historia: o seu centenario.
Cen anos despois da súa fundación en 1925, a ELM celebrará este acontecemento o sábado día 24 de maio ás 17:00 h, na praza de san Amaro.
O acto, ao que foron convidados os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño; vogais da ELM; concelleiros; presidentes das Entidades Locais Menores galegas; e as directivas das distintas asociacións camposinas (Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, Sociedade Los Amigos, Club de Petanca O Caldeiro, Club de Tenis Codesal e Club Alagua), contará con diversas actividades:
• Actuación da banda de música da Agrupación Musical de A Guarda.
• Presentación do libro “Centenario da ELM de Camposancos 1925-2025”, de Joaquín Miguel Villa Álvarez.
• Entrega de libros e insignias en homenaxe aos presidentes e presidenta da ELM.
• O acto concluirá cunha merenda para todos os presentes.
«Este centenario é un momento clave para reflexionar sobre o pasado, celebrar o presente e mirar cara o futuro da ELM de Camposancos e da súa veciñanza», dixo Mª Mercedes Martínez Vázquez “Merchi”, alcaldesa-pedánea da Entidade Local Menor de Camposancos.
ELM de Camposancos*
A Entidade local menor de Camposancos é a máis antiga de Galicia. A finais do século XIX xa había unha Xunta Administrativa que xestionaba os bens do couto de Camposancos, de acordo co previsto nas leis municipais de 1870 e 1877. Durante o Antigo Réxime era un couto dependente do Bispado de Tui, que arrendaba os seus bens ós veciños da parroquia. En 1870 este foro foi abolido.
A parroquia de Santa Isabel de Camposancos créase en 1798 despois de separarse da parroquia de San Lourenzo de Salcidos. Constitúese como concello propio ata que en 1836, coa creación definitiva dos concellos constitucionais, será incluída no concello da Guarda.
Ten unha superficie de 412 hectáreas e 845 habitantes. O territorio comprende unha parte do monte de Santa Trega e praias de recoñecido prestixio. Consta dos seguintes lugares: A Armona, Bouza da Fonte, O Couto, A Granxa, O Muíño, O Outeiro, Palomar, Sa e Salgueiró.
É recoñecida como Entidade local menor en abril de 1925 e queda constituída definitivamente o 23 de maio de 1925. O primeiro alcalde pedáneo foi Domingo Domínguez.
* Fonte: Deputación de Pontevedra
Ningún comentario:
Publicar un comentario