9 de abr. de 2025

VIGO

A Xunta apoia o plan de traballo e o orzamento da AECT Galicia - Norte de Portugal para 2025 

 A Asemblea e o Consello Superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, reuníronse hoxe, na súa sede en Vigo, para aprobar o plan de actividades e o orzamento para o ano 2025


A AECT comprometeuse a continuar co apoio á reivindicación da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e Portugal, a mobilidade sustentable, a cadea de valor do hidróxeno verde na Eurorrexión, a consolidación do proxecto Nortear e o programa IACOBUS
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 A Xunta, representada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, o director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, apoiou á Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia – Norte de Portugal na súa Asemblea na aprobación do plan de actividades e o orzamento para o ano 2025.  

 Pola banda da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal (CCDR-N) estiveron presentes os vicepresidentes Jorge Sobrado, a directora de Servizos de Desenvolvemento Rexional, Raquel Meira, e Vítor Deveza, xefe de división da Cooperación Internacional.  

 Durante a reunión presentouse e aprobouse o plan de actividades para 2025. Entre as principais accións destacadas está o traballo cos diferentes actores da Eurorrexión no desenvolvemento do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, a institucionalización do Día da Eurorrexión e a continuidade dos proxectos europeos en execución en sectores como a mobilidade sustentable, a cadea de valor do hidróxeno verde ou o apuntalamento do ecosistema aeroespacial da Eurorrexión.  

 A AECT comprometeuse a continuar co apoio á reivindicación da conexión ferroviaria de alta velocidade entra Galicia e Portugal, tan necesaria en termos de mobilidade laboral, residentes e turistas, así como de mercadorías. A Asemblea tamén remarcou a aposta pola consolidación do proxecto Nortear, como referencia a nivel europeo no sector cultural, e polo Programa IACOBUS, co lanzamento da revista científica IACOBUS e a apertura de novas convocatorias.  

 Destaca tamén a elaboración dun informe de diagnóstico para a definición da estratexia turística transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal e a creación dun grupo para o desenvolvemento dun produto turístico sustentable no marco do Clustertur_GNP. Este proxecto reúne preto de 100 empresarios do sector turístico de ambos lados da fronteira e ten previsto o lanzamento dunha marca turística conxunta, unha plataforma para a coordinación do traballo entre empresarios e unha plataforma web promocional.  

 Na reunión tamén se destacaron importantes fitos de 2024, como o primeiro Congreso IACOBUS, celebrado en setembro en Ourense, ou o Plenario da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal, agora liderada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.  

 Coa aprobación do plano de actividades e do orzamento para 2025, a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, AECT reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da cooperación transfronteiriza e o crecemento sostible de ambos territorios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario