O Fondo Galego de Cooperación suma dez novos concellos e máis a Deputación de Ourense
• Na xuntanza aprobouse tanto a memoria do pasado exercicio, como o plan de actividades e o orzamento para este ano, que incorpora proxectos de cooperación directa en diversos países de África e Latino América
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade sen fins de lucro á que pertence Tomiño, ratificou as altas de dez novos concellos e máis da Deputación de Ourense, anfitrioa do encontro que se celebrou hai uns días no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A Pobra do Brollón, Cedeira, Coristanco, O Bolo, O Incio, Ourol, Salceda de Caselas, Trabada, Vedra, Xinzo de Limia e máis a administración provincial contribuirán á loita contra a pobreza e as desigualdades nos chamados países do Sur Global a través desta rede, que conta xa con 115 municipios e as catro deputacións.
Na xuntanza, que contou coa presenza de Rubén García, concelleiro de Benestar Social, aprobouse tanto a memoria do pasado exercicio como o plan de actividades e o orzamento para este ano, que incorpora proxectos de cooperación directa en diversos países de África e Latino América. A isto súmase a convocatoria de axudas a proxectos de ONGD galegas, dotada con 100.000 euros. No eido da educación para a cidadanía global, os concellos socios do Fondo Galego acollerán medio cento de actividades, que van desde teatro de monicreques sobre a poboación refuxiada ata encontros con mulleres palestinas, pasando por cinefórums, charlas ou exposicións. A orde do día incluía ademais a adhesión á Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA), que tamén foi aprobada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario