2 de abr. de 2025

O BAIXO MIÑO

O alcalde de A Guarda solicita unha dragaxe urxente do río Miño e favorecer á súa recuperación 


O alcalde de A Guarda e deputado provincial, Roberto José Álvarez Carrero, xunto con outros membros do PP, no Esteiro do río Miño
Foto: C.A.G.

Infogauda / O Baixo Miño

 O alcalde de A Guarda vén de presentar unha moción no pleno da Deputación para solicitar ao Goberno de España, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, unha dragaxe urxente do río Miño ante a degradación do seu leito e outras medidas de coidado para favorecer a súa recuperación.  

 Para Roberto José Álvarez Carrero, “é fundamental que se tomen medidas entre España e Portugal para frear o deterioro do río, que causa graves prexuízos socioeconómicos, pesqueiros, turísticos e de seguridade á nosa bisbarra”.  

 Ante o claro empeoramento das súas condicións nos últimos anos, a dragaxe que se acometa debe ser - segundo o deputado provincial e alcalde de A Guarda - dun xeito respectuoso para a preservación dos seus destacados valores medioambientais.  

 Ademais desta medida contra a sedimentación dos materiais, especialmente nas zonas máis próximas á súa desembocadura, tamén se solicita a adopción doutras medidas de coidado para favorecer a súa recuperación, como a erradicación das especies exóticas e invasoras que avanzan polas súas augas”.    

 Roberto José Álvarez Carrero explicou que “tras preto de quince anos sen actuacións no leito do río, a súa situación deteriorouse moito, un aspecto confirmado polos concellos afectados, as asociacións de pescadores e incluso a Comandancia Naval do Miño.   

 A sedimentación de materiais está suprimindo gran parte do leito e está a empeorar gravemente as súas condicións e a isto, engádese o avance de especies invasoras, con especial fincapé na labaza.   

 Todo iso está a causar graves problemas para a zona, como a supresión desde 2021 do ferri entre Caminha e A Guarda por falta de calado ou os problemas de seguridade que impedirían desenvolver unha eventual situación de rescate nas súas augas”.   

 “É fundamental que se tomen medidas entre os dous países, aínda que nós loxicamente nos diriximos ao Goberno de España por ser a onde pertencemos, xa que a situación actual do río Miño está a causar importantes prexuízos socioeconómicos, pesqueiros, turísticos e de seguridade na nosa bisbarra”, recalca o alcalde de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario