O BNG PRESENTOU NA GUARDA A SÚA PROPOSTA DE FINANCIAMENTO PARA GALIZA
• Os nacionalistas propoñen un concerto económico que lle permita ao país ter a chave dos cartos fronte a un modelo caduco co que perdemos 14.000 millóns de €
Infogauda / A Guarda
Nun acto público celebrado no Casino de A Guarda, o BNG vén de presentar a súa proposta de financiamento para Galiza. No acto intervíu Rubén Cela, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre que estivo acompañado do portavoz municipal do BNG na localidade, Anxo Lois Baz Vicente.
A alternativa de financiamento do BNG é un concerto económico para Galiza, similar ao que gozan Euskadi ou Navarra, unha proposta que parte da confianza no País fronte á falacia de que Galiza é pobre e depende de recursos alleos. Os nacionalistas, cos números na man, manteñen que non é Galiza quen vive do Estado, senón o Estado quen fai caixa con Galiza. Boa mostra diso é que co actual modelo de financiación, Galiza perde 1.075 millóns de euros anuais, segundo a estimación do Consello de Contas, organismo dependente do Parlamento de Galiza.
O modelo de financiamento que propón o BNG aposta pola suficiencia financeira, pola recadación e xestión do 100% dos recursos e por unha facenda propia con capacidade fiscal plena para aplicar unha política impositiva distributiva e para decidir desde aquí as prioridades de investimento e de gasto, axustando despois contas co Estado.
Para os nacionalistas, "sen autonomía financeira a autonomía política é papel mollado e están en xogo os recursos para afrontar cuestións de tanta relevancia como sufragar os servizos públicos, a ciencia e a investigación, fortalecer o estado do benestar ou darlle futuro ás novas xeracións".

Ningún comentario:
Publicar un comentario