Juan Rodríguez Pérez recibe a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia 2024
• O que fora presidente do Club Balonmán Atlético Guardés recibe a título póstumo o máximo recoñecemento autonómico no ámbito deportivo
• O pasado mércores 26 de marzo celebrouse un acto de entrega onde a súa familia recolleu o galardón no seu nome
• Juan Rodríguez estivo na directiva do Club a través de distintos cargos nas últimas catro décadas ata que faleceu o pasado mes de agosto, sendo un dos responsables dos maiores fitos do equipo
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés viu recoñecido a un dos nomes máis importantes da súa historia, Juan Rodríguez Pérez. A Xunta de Galicia outorgoulle a título póstumo a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia 2024, o máximo recoñecemento no ámbito deportivo a nivel autonómico, como condecoración ás súas catro décadas de traballo na directiva do club, dende a que conseguiu levar ao equipo ao máis alto do balonmán español.
O pasado mércores 26 de marzo no Teatro Principal de Ourense realizouse o acto de entrega das distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2024, galardón que supón o máximo recoñecemento no ámbito do deporte outorgado cada ano polo goberno autonómico. Alí estiveron para recollelo en nome do que fora presidente do Club Balonmán Atlético Guardés a súa viúva, Gloria Pacheco Cardoso, e a súa filla, Gloria Rodríguez Pacheco, actual vicepresidenta primeira e delegada deportiva do equipo.
Juan Rodríguez foi responsable do club nas pasadas catro décadas ata o seu falecemento o pasado mes de agosto de 2024. Entrou na xunta directiva no ano 1983 e asumiu a súa presidencia no 1989, nun momento de grave crise para un equipo baixo mínimos no deportivo e a piques de desaparecer. Dende aquel momento traballou sen descanso polo benestar do club dende diferentes cargos, exercendo o papel de presidente de honra nos últimos anos. O Club Balonmán Atlético Guardés débelle o seu legado actual e á práctica totalidade dos seus fitos, xa que foi a persoa directamente responsable da súa existencia hoxe en día e quen traballou para que o equipo chegase ao máis alto do balonmán español na última década, conseguindo un título de Liga, unha final copeira e outra europea.
Por todo iso o Club Balonmán Atlético Guardés agradece profundamente que a Xunta de Galicia recoñecese o seu labor, aínda presente no día a día do equipo, coma unha das persoas máis importantes para o crecemento do balonmán guardés e galego a través deste galardón.

Ningún comentario:
Publicar un comentario