CARLOS LÓPEZ FONT: “QUE SAIBA A VECIÑANZA DA COSTA DA MORTE E DO VAL MIÑOR QUE A XUNTA LLE NEGA NAS SÚAS AUTOESTRADAS AS BONIFICACIÓNS DO 75 % QUE HAI NA AP-9 E NA AP-53”
• O deputado do PSdeG-PSOE valorou que o Goberno central iniciou en 2021 o camiño para eliminar as peaxes da AP-9 e a AP-53 e criticou que Rueda apenas ofreza descontos na AG-55 (A Coruña-Carballo) e na AG-57 (Puxeiros-Val Miñor)
• “O discurso do PP sobre as autoestradas é hipócrita: regalaron 300 millóns ás construtoras rescatando catro autovías polas que non se pagaban peaxes en vez de empregalos en favorecer a economía dos galegos e galegas, como fai o Estado”, censurou o socialista
Infogauda / Santiago de Compostela
O Grupo Socialista reclamoulle hoxe á Xunta que trace unha folla de ruta para acadar a gratuidade das dúas autoestradas de titularidade autonómica nas que os usuarios e usuarias están a pagar por circular cos seus vehículos, a AG-55 (A Coruña-Carballo) e a AG-57 (Puxeiros-Val Miñor). O portavoz socialista de infraestruturas, Carlos López Font, preguntoulle hoxe no pleno ao Goberno galego “cando pensa iniciar as accións necesarias para conseguir a eliminación das peaxes” en ambas vías. E criticou a negativa da conselleira a comprometerse con esa medida. “Que saiban os habitantes da Costa da Morte e do Val Miñor que a Xunta lles nega para as súas autoestradas as bonificación do 75 % que hai na AP-9 e na AG-57 )”, advertiu.
O deputado do PSdeG-PSOE sinalou que en Galicia hai que pagar peaxe en catro autoestradas. Nas dúas que son estatais faise “porque Aznar ampliou a concesión 25 anos, ata o 2048”. Por iso lamentou que, “se non tivera gobernado Aznar, levaríamos máis de ano e medio sen pagar”. Pola contra, “levamos máis de ano e medio da condena de 25 anos da que é responsable o PP”. Porén, o Goberno socialista de Pedro Sánchez iniciou en 2021 “un camiño co horizonte de chegar á gratuidade pola vía das bonificacións progresivas”. O resultado é que na actualidade os descontos alcanzan xa o 75 % para os usuarios recorrentes non só da Autoestrada do Atlántico, senón tamén na AP-53 (Santiago-Dozón). Neste último caso, os condutores e condutoras que pagaban 280 euros ao mes pasarán a aboar só 70 a partir de agora.
Pero o camiño cara a gratuidade “que hai que recoñecerlle ao Goberno do Estado” non o está a percorrer a Xunta de Galicia, que nas autoestradas das que é titular aplica unhas bonificacións moi inferiores. Con todo, e pese á negativa da conselleira, Carlos López Font esixiulle ao Executivo galego que dea unha data para iniciar a eliminación desas peaxes.
O parlamentario socialista lembrou que a AG-55 e a AG-57 dan servizo a ámbitos territoriais moi importantes, en comarcas moi poboadas, cun elevado número de empresas e con numerosos desprazamentos por traballo. Tratase de territorios que o Goberno de Rueda “está discriminando claramente” mentres reclama a gratuidade da AP-9 ao Executivo central.
Por iso, López Font cualificou de “hipócrita” o discurso do Partido Popular sobre as autoestradas. “Regalaron 300 millóns ás construtoras rescatando catro autovías polas que non se pagaban peaxes en vez de empregalos en favorecer a economía dos galegos e galegas, como fai o Estado”, afirmou.

Ningún comentario:
Publicar un comentario