A Guarda homenaxeou a vida das mulleres anónimas cun libro de autoría colectiva
Infogauda / A Guarda
O pasado xoves 24 de abril viviuse un acto especialmente emocionante no Centro Cultural de A Guarda, pois as mulleres participantes nos obradoiros “Quérome, cóidome” e a súa coordinadora, Angelina Gándara Alonso, presentaron o libro “Mulleres. Historias de vida e igualdade”.
O salón de actos encheuse de público para descubrir parte das vidas destas mulleres anónimas, resultado da terceira edición do obradoiro onde “se apostou por facer un traballo que dese visibilidade ás participantes, ao seu saber e experiencia”, como recordaba a concelleira, Susana Álvarez Castro.
Ademais contouse con actuacións de luxo coas mulleres participantes no obradoiro “Con voz propia”, que tamén organiza o Centro de Información á Muller (CIM) de A Guarda, e que coordinado por Cristal Méndez Queizán (Maga de Voz), está na súa cuarta edición. Tamén contouse coa participación do músico BieitoSolo, de Camposancos.
O libro recolle relatos de mulleres de A Gándara e de Camposancos, incluíndo unha breve lembranza dunha muller pioneira: Arminda Gómez Martínez (Arminda dos Pantalóns).
Na súa intervención Yolanda Villaverde, directora do CIM de A Guarda, resaltou a importancia de “descentralizar as actividades e dirixilas ás parroquias e aos barrios”, de xeito que se facilite a súa participación.
Ademais da intervención de Angelina Gándara, como coordinadora, durante o acto tamén interviron catro representantes das mulleres que participaron no libro, como Mercedes e Flora, de A Gándara; e con Nita e Aurorita, de Camposancos.
Desde logo, foi un gozo escoitalas e recoller parte da súa sabedoría e experiencia que agora queda plasmada nese libro “Mulleres. Historias de vida e igualdade”, de autoría colectiva, que ao remate do evento recibiron ás persoas que asistiron ao mesmo, e cuxa lectura recomendamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario