29 de abr. de 2025

A GUARDA

A potencia etnográfica e plástica dos muiños de O Folón e O Picón, nas olladas e nas obras de máis de 30 artistas

  Nunha exposición itinerante: Lisboa - Santiago de Compostela, a través do Camiño Portugués pola Costa


Vista parcial da exposición na Casa dos Alonso
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O conxunto etnográfico dos muiños do Folón e do Picón, no concello do Rosal, que saben de moendas, de maquías, de muiñeiras,..., de noites e días ao carón de pés e moas graníticas, no interior de robustos muiños construídos por mestres canteiros, en pedra do país, estructura de madeira e cuberta de tellas (cabacas) feitas a mán (ghoucha), con arxila (xunca) e auga (oreta), e cocidas nalgunha telleira - cabaqueira - da contorna; ten un inusitado tributo, feito realidade por máis de trinta artistas, de diversas procedencias. 




 Nomes como Agustín Bastón, de Cangas do Morrazo; Álex Méndez, de Cuba; Álex Vázquez-Palacios, de Mourente (Pontevedra); Amelia Palacios, de Pontevedra;  Ana Cancela, de Meis; Ana P. Serres, de Sevilla; Ángeles Jorreto, de Vigo; Antonio Abad, de Tui; Camilo Camaño, de Cangas do Morrazo; Carlos Padín, de Baiona; Conchi Cuadrado, de Nigrán; Daniel Manfredi, de Aranda de Duero (Burgos); David Quinteiro, de Donas (Gondomar); Diana Cordero, de Vigo; Diego Giráldez, de A Cañiza; Galia Blanco, de Pontevedra; Irene Parga Todorrof, de Arteixo (A Coruña); José Miranda, de Vigo; Lucía Corrochano Fraile, de Talavera de la Reina; Manuel Cerviño, de Bueu; Margarita Forteza, de Palma de Mallorca; Marieta Quesada, de Vigo; Mauro Lomba, de A Guarda; Miro Carballo, de Vigo; Orlanda Gómez, de Madeira (residente en Lugo); Puri del Palacio (Vigo); Verónica Alcácer "La Niña Vero", de Burgos; Virxinia Palacios, de Vigo; Waldirene Fraga, de Brasil (con estudo en Pontevedra); Xorxe Andrés Serrano, de A Coruña; e Xulio Fontes, de Quintela de Leirado (Ourense), participan con obras das súas respectivas autorías nunha mostra monográfica.


Nemesio Castro Álvarez

 A exposición colectiva está adicada a José Antonio Labordeta Subías (Zaragoza, 10 de marzo de 1935-Zaragoza, 19 de setembro de 2010), cantautor, escritor, político e profesor; e a Nemesio Castro Álvarez (O Rosal, 19 de xuño de 1930) veciño do barrio de Martín, da xuradía de Fornelos, na parroquia de Santa Mariña do Rosal. Un home físicamente menudo, pero enorme de vitalidade e de longa traxectoria laboral. E por encima de todo, un dos impulsores da Agrupación Musical do Rosal, e un namorado dos muiños e da súa contorna.

 O comisariado da exposición está a cargo de Manuel Estévez Diego.

 A mostra estará patente na Casa dos Alonso, ata o vindeiro día 13 de maio, de 9:00 á 14:00 horas, de luns a venres (non festivos).

 Diferentes deseños, formatos, tamaños e técnicas, fan desta exposición un fito cultural, que ben merece que sexa visitada, non soio polo público, en xeral, senón, polo alumnado dos diferentes centros educativos de A Guarda e súa contorna. Decímolo, porque non é unha exposición máis. É unha verdadeira exaltación da beleza arquitectónica e patrimonial, dun conxunto etnográfico sen igual.

 Que tan heteroxéneos artistas, en canto a estilos, cromatismos, procedencias,..., haxan dedicado súa atención creativa aos muiños do Folón e do Picón, merece, sen dúbida, unha visita sen présa a devandita exposición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario