2 de abr. de 2025

A GUARDA

Celebración do Día da Árbore 2025 no Monte Trega (A Guarda) 

• Organizado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda e o  CEIP Manuel Rodríguez Sinde 

•  Co apoio do Distrito Forestal XVIII Vigo - Baixo Miño e do Departamento Territorial de Medio Rural da Xunta de Galicia




Un axente forestal do distrito explicou aos asistentes como realizar unha plantación axeitada das árbores

O alumnado nomeou este novo espazo como “Arboredo do Sinde”
Reportaxe fotográfica: C.MM.VV.M. C. de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 Organizado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda e o  CEIP Manuel Rodríguez Sinde, e co apoio do Distrito Forestal XVIII Vigo - Baixo Miño e do Departamento Territorial de Medio Rural da Xunta de Galicia, o luns 24 de marzo celebrouse o acto central do Día da Árbore 2025, no Monte Trega, en A Guarda. 

 Esta acción de concienciación ambiental estivo organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda en colaboración co CEIP Manuel Rodríguez Sinde, grazas á colaboración do persoal do Distrito Forestal XVIII Vigo - Baixo Miño e á doazón dun total de 55 árbores - carballos, castiñeiros, sobreiras, aciñeras, cerdeiras e espiños - polo Departamento Territorial de Medio Rural en Pontevedra, para a súa plantación nunha xornada conmemorativa. 

 Á xornada, á que asistiron 115 escolares de primaria, acompañados das súas mestras e mestres, deu comezo cunha charla impartida polas persoas comuneiras, na que se destacou a relevancia das comunidades de montes e a necesidade de preservar os nosos bosques. A continuación, un axente forestal do distrito explicou aos asistentes como realizar unha plantación axeitada das árbores. O alumnado nomeou este novo espazo como “Arboredo do Sinde” e, trala plantación, descubriuse unha placa commemorativa ao tempo que o persoal do distrito fixo as delicias dos máis pequenos que tiveron a oportunidade de regar a plantación co apoio dos camións de bombeiros. 

 "Desde a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda queremos poñer en valor a importancia deste tipo de accións, especialmente para as nenas e nenos que nos acompañaron, pois deles sairán as futuras comuneiras e comuneiros que coidarán dos nosos montes no futuro. Agradecemos así mesmo a colaboración de todas as persoas e entidades participantes nesta xornada de concienciación e conservación ambiental", dixo a este xornal dixital transfronteirizo, Noé Ferreira Rodríguez, en nome propio e da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda, que preside.

Ningún comentario:

Publicar un comentario