O Concello de Tui reafirma o seu compromiso en seguir traballando por unha igualdade real e efectiva
Infogauda / Tui
O Teatro Municipal de Tui encheuse onte á noite para reivindicar a igualdade no acto institucional do 8M. Un acto que como sinalou o alcalde, Enrique Cabaleiro, se realiza dende “a plena convicción de que os poderes públicos, e os repersentantes públicos, temos a responsabilidade de liderar, dende o discurso e dende o exemplo, as reivindicacións do movemento feminista”. Nunha situación cunha realidade con “certos nubarróns no horizonte” desexaba o rexedor tudense que “ogallá as nosas fillas acaden unha plenitude de dereitos e liberdades”.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, referiuse ao lema deste ano “Os nosos dereitos, hoxe, mañá e sempre” para lembrar que “cada dereito conquistado ha de ser defendido!” porque son “conquistas logradas con loita, con resistencia e coa forza de milleiros de mulleres que o longo da historia mudaron o rumbo do mundo”. Engadía que “a igualdade hai que defendela, hai que garantila con leis, con recursos e sobre todo con vontade política e social”. Reivindicou a profesionalización dos coidados e aludiu á cultural coma unha das ferramentas máis poderosas para reivindicar o feminismo.
A xornalista e guionista Diana López Varela, deu lectura ao Manifesto do 8M reivindicando a loita feminista contra a opresión, a perda de dereitos e as violencias machistas, esixindo igualdade real e accións concretas. Afirmaba na súa intervención que “temos que volver ás rúas, neste 8M e sempre, porque todos os grandes avances nos dereitos das mulleres os pelexamos nas rúas”. Concluía cun desexo “que aqueles dereitos que eran impensables para as nosas avoas, que foron conquistados polas nosas nais, gozados especialmente polas mulleres da miña xeración e que temos a obriga moral de manter e de mellorar para as nosas fillas sexan o obxectivo das políticas públicas e das políticas de Igualdade. Hoxe, mañá e sempre. Sen dubidar”.
No transcurso do acto foron homenaxeadas tres mulleres Teresa Jiménez, Andrea González Pérez e Daniela Sanz Toucedo, pertencentes a tres xeracións, que nunha conversa con Paula Cabaleiro, falaron da súa experiencia.
Teresa Jiménez foi pioneira en abrir camiño para erradicar a desigualdade de xénero dende a diversidade cultural, sendo un exemplo de superación e de traballo pola autonomía feminina. Pola súa parte Andrea González, pianista, directora do IKFEM, profesora e xestora cultural, é todo un referente, xa que vén de ser recoñecida no Top 100 Mulleres Líderes en España 2025 e é a primeira muller en presidir Juventudes Musicales de España. Mentres Daniela Sanz, estudante de Enxeñería de Telecomunicación, recibiu hai uns meses o primeiro premio GirlGeekPower na rama de Enxeñería e Arquitectura, e fóra amais unha das alumnas recoñecidas polo seu expediente académico de acceso a esta enxeñería. Daniela Sanz Toucedo, vén sendo unha referente da excelencia académica e do talento científico.
O evento, conducido por Paula Cabaleiro, contou coa participación de alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que interpretaron ao longo da tarde obras de compositoras coma Margarita Viso Souto, Verónica Sousa, Luisa Sarmiento, Melani Bonis, Caroline von Schleider-Krähmer e Cristina Gómez Crespo, profesora no propio conservatorio tudense. A poesía chegou na voz de Celia, alumna do IES San Paio, que participou no obradoiro de poesía con Yolanda Castaño, celebrado no centro educativo.
Con este acto, e co amplo programa de actividades previsto ao longo deste mes de marzo baixo o lema “Os nosos dereitos, hoxe, mañá e sempre” o Concello de Tui reafirma o seu compromiso para seguir traballando por unha igualdade real e efectiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario