A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para inscribirse na residencia literaria da illa de San Simón
• A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrece estadías dunha duración máxima de 15 días, con quendas nos meses de maio, setembro e outubro
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para optar ás 24 prazas que se ofertan na Residencia Literaria da Illa de San Simón para o estímulo e a promoción da creación en galego. Trátase da terceira edición desta iniciativa coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca apoiar os procesos creativos dos escritores poñendo ao seu dispor un espazo, un ambiente e unhas condicións óptimas para a enteira dedicación aos seus proxectos literarios.
Tras o éxito das dúas primeiras convocatorias, o Goberno galego aposta por dar continuidade a esta actividade ofertando 24 prazas e ofrecendo as posibilidades temporais de estadía repartidas en tres quincenas: do 19 de maio ao 1 de xuño, do 23 de setembro ao 6 de outubro e do 6 de outubro ao 19 de outubro.
Para poder desfrutar desta experiencia, os participantes deben ser maiores de idade e estar desenvolvendo un proxecto creativo en lingua galega, pois esta residencia está concibida para o desenvolvemento e mellora de iniciativas de creación literaria durante o período de estadía dos creadores, que deberá ser como mínimo dunha semana e como máximo dunha quincena. Na Illa de San Simón, os profesionais terán ao seu dispor os bens e servizos necesarios para o desenvolvemento do seu proxecto, contando con aloxamento e espazo de traballo propio.
Solicitudes ata o 28 de marzo
Os interesados en participar poderán presentar as súas solicitudes ata o 28 de marzo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tan só se poderá incluír unha única candidatura acompañada dun documento, de máximo 10 páxinas, que deberá contar a explicación do proxecto de creación literaria que desenvolverán na residencia, xénero, idioma da obra, currículo do aspirante, expediente artístico e carta de motivación, entre outros detalles que se poden consultar nas bases.
Esta residencia forma parte das iniciativas que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco do impulso á lectura e ao libro galego, ao que se destinan 3 M€ a través de diversas convocatorias. Neste senso, o Goberno galego acaba de publicar as liñas de axudas dirixidas a colaborar co sector na edición, distribución e comercialización de obras e a facilitar que os profesionais participen en actividades fóra de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario