13 de mar. de 2025

TOMIÑO

Tomiño acollerá o II Torneo Escolar Benéfico de Tenis, para apoiar as asociacións locais   

 Un evento deportivo, solidario e festivo que se celebrará o 5 de abril nas pistas municipais de tenis  




Infogauda / Tomiño  

 Tomiño prepárase para vivir un día cheo de deporte e solidariedade durante a mañá do próximo 5 de abril, cando se celebre o II Torneo Escolar Benéfico de Tenis. As pistas municipais de tenis serán o escenario deste evento organizado en conxunto pola Escola de Tenis, e Concello de Tomiño, cuxo obxectivo principal é recadar axuda para quen máis a necesita na comunidade local.  

 Co obxectivo de fomentar a participación e o espírito comunitario, convídase a toda a veciñanza de Tomiño e arredores, a unirse a esta causa e participar nas doazóns aínda que solo asistan a ollar os encontros. “Un ano máis deporte e solidariedade danse a man nun evento que estou seguro de que será un verdadeiro éxito e que permitirá axudar a dúas das asociacións que máis traballan no día a día no noso Concello. Tamén nos permite que os nenos e nenas que participen poidan xa tomar conciencia da realidade que viven algunhas familias e de que se pode axudar moito con pequenos actos, todo nun ambiente festivo e mentres se fomenta o deporte”, sinala o concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García.  

 O campionato estará dividido en cinco categorías (peques, 2020-2021; pre-benxamín, 2018-2019; benxamín,  2016-2017; alevín, 2014-1015 e infantil, 2012-2013) e haberá agasallos para todas e todos os deportistas participantes. Durante a mañá realizarase un sorteo de premios, merenda para a rapazada inscrita e entrega de trofeos e medallas ás e aos gañadores do encontro.  

 A inscrición para participar no torneo seguirá sendo moi especial: cada xogador deberá realizar unha doazón de alimentos non perecedoiros para a asociación SOS Tomiño e/ou roupa para a asociación Solidariedade en tus Manos. As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información a través do teléfono 680 124 239 ou do correo electrónico ctgondomar@hotmail.com. Para facilitar a participación, as inscricións poderán realizarse a través dun formulario en liña.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario